A CIG e a CSIF veñen de denunciar publicamente as desigualdades e as presións existentes no seo do cadro de persoal do Concello de Redondela, ao tempo que lembran que levan meses reclamándolle ao Goberno local medidas concretas como a cobertura das baixas, a convocatoria da oferta pública de emprego, o recoñecemento dos traballos realizados ou que se garanta a igualdade nas condicións laborais.
As centrais sindicais consideran que a mellora dos servizos públicos pasa por garantir unhas óptimas condicións laborais, polo que se ven obrigadas a solicitar do Concello que se establezan uns criterios obxectivos e maior transparencia nas decisións que afectan ao cadro de persoal. “Deste xeito evitaríase que se creen ou manteñan situacións de desigualdade que están a provocar un sistema de castas, con privilexios para algunhas persoas en detrimento dos dereitos doutras”.
Ao mesmo tempo, aseguran que varios/as traballadores/as municipais sofren presións por parte do Goberno local, tanto en horas laborais como fóra do horario estipulado, tal e como o teñen denunciado ante os sindicatos. “Chegouse, incluso, a medidas de represión contra os representantes sindicais por exercer e defender os dereitos laborais”.
Diálogo honesto
Diante disto, dende a CIG e a CSIF queren deixar moi claro non van tolerar “que o guión sexa a presión ou a represión directa contra traballadores/as ou contra a representación sindical”.
Polo que lle reclaman ao Goberno local “un diálogo honesto que poña por diante a mellora dos servizos públicos, a transparencia nas decisións, o respecto aos dereitos laborais e a defensa das condicións óptimas de traballo fronte a situacións de desigualdade”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.