Denuncian irregularidades e solicitan paralizar a licitación do concurso para a limpeza dos edificios administrativos da Xunta

Os sindicatos con representación no comité de empresa da actual adxudicataria teñen o apoio dos grupos parlamentarios da oposición nas súas demandas
Por o 20/02/2017 | Sección: BNG,CC.OO,CIG,CUT,En Marea,Galicia,Política,Sindicatos,UGT,Vigo,Xunta de Galicia
Denuncian irregularidades e solicitan paralizar a licitación do concurso para a limpeza dos edificios administrativos da Xunta

O comité de empresa de Santiago de Compostela da actual adxudicataria do servizo de limpeza dos edificios administrativos da Xunta de Galicia, o Grupo Norte, denuncia irregularidades no prego do concurso e solicita paralizar a licitación. Entre outras, os sindicatos salientan que se detectou a inclusión nalgúns centros dun número de traballadores e traballadoras superior ao real, persoal que aparece na relación de postos de traballo pero que ninguén coñece, persoal con antigüidade recoñecida que non recolle o cadro de persoal ou custos salariais por riba dos efectivamente percibidos.

Á vista das eivas sinaladas, o comité pediu documentación que lle foi negada, malia que, como aseguran os sindicatos, condiciona profundamente a licitación, xa que se presentarán as ofertas baseándose neses datos «erróneos». «Estes feitos, mesmo se ven acreditados polas preguntas que diferentes empresas están realizando no perfil do contratante da Xunta e polas respostas que desde a propia Xunta se remiten, que poderían levar a pensar que se busca favorecer unha única empresa neste concurso», denuncia o comité.

Os sindicatos con representación na adxudicataria, CCOO, CIG, CUT e UGT, reuníronse cos grupos parlamentarios da oposición —o PP negouse a recibilos—. Tanto o BNG como En Marea e o PSdeG comprometéronse a apoiar as súas demandas e intervir na Cámara para esixir a documentación requirida pola representación legal dos traballadores e traballadoras do servizo.

O comité de empresa asegura que precisa a documentación para corroborar o cumprimento da licitación e evitar que o persoal quede en situación de «indefensión». Máis aínda cando «constatamos que nin sequera a Xunta vela polo seu cumprimento», e poñen como exemplo que o Goberno galego iniciou a elaboración dun prego de concurso para contratar un servizo de limpeza de fachadas cando esta tarefa xa está cuberta pola contrata actual. «Se non fose pola vixilancia sindical, pagaríase dúas veces por un mesmo servizo», advirten os sindicatos.

Prórrogas

Desde o comité explican tamén que a licitación do servizo sufriu xa varias prórrogas. Inicialmente, asinárase por un ano, con vixencia entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015. Non obstante, nun período de dous anos, o contrato sufriu cinco modificacións e catro prórrogas, estendéndose na actualidade ata abril de 2017. Precisamente, os grupos parlamentarios da oposición pediranlle á Xunta de Galicia toda a documentación relativa ás modificacións e prórrogas do servizo para avaliar se están debidamente xustificadas.