Denuncian «malgasto» e «falsidades» da Xunta no convenio para axilizar a tramitación do grao de discapacidade

O comité intercentros do persoal laboral pide cubrir todas as vacantes e non derivar funcións
Publicado por o día 18/10/2017 na sección de CC.OO,Galicia,Sindicatos

Denuncian «malgasto» e «falsidades» da Xunta no convenio para axilizar a tramitación do grao de discapacidade

O comité intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia denuncia o «escurantismo e as falsidades da Xunta en relación co convenio asinado entre a Consellaría de Política Social e o SERGAS para axilizar a tramitación do grao de discapacidade. Actualmente hai ao redor de 17.000 expedientes «atoados» nos diferentes equipos de valoración e orientación (EVO).

Do comité indican que «podemos coincidir» en que os procesos precisan mellorar, tal como anunciou no seu momento o presidente da Xunta. Porén, «de xeito ningún podemos estar de acordo no xeito de solucionalo».

Segundo o acordo, o persoal médico que presta os seus servizos nos centros de atención primaria do SERGAS, «de forma voluntaria, pero non altruísta», cobrará gratificacións extraordinarias nas súas nóminas duns vinte euros por expediente realizado cada 15 minutos, cunhas cifras que poden alcanzar unhas 1500 valoracións mensuais. O custo, segundo o publicado no DOG, será duns 360.000€, «cartos que sairán do peto de todos os galegos e todas as galegas, un verdadeiro malgasto».

O comité intercentros, órgano representativo do persoal da Xunta de Galicia, pediu en diversas ocasións coñecer polo miúdo o convenio. Para este efecto, reclamouno por escrito, amais de pedir xuntanzas para esclarecer coa Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Política Social os termos nos que seria subscrito e as implicacións que do mesmo se puidesen derivar para o persoal afectado. Administración «fixo oídos xordos» a estas peticións, critican os representantes dos traballadores e traballadoras.

Durante o mes de setembro, membros do comité reuníronse cos grupos parlamentarios para exporlles a súa visión sobre este convenio e os atrasos dos expedientes.

Para o comité do persoal laboral da Xunta, os profesionais do SERGAS non poden facer as funcións dos profesionais dos EVO, xa que isto incumpre o disposto no Real Decreto 1971/1999, modificado polo Real Decreto 1364/2012, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de minusvalía.

Outra eiva sinalada é que se descontextualízase e fragmenta o proceso de valoración, convertendo o acto cualificador e de valoración nun acto «burocrático e impersoal». Ademais, xéranse dous tipos distintos de usuaria ou usuario: o que obrigatoriamente —salvo excepcións moi contadas— acode ao acto de valoración e o que presente a súa solicitude e reciba na súa casa o resultado, sen someterse ás exploracións pertinentes. Isto implica unha «evidente discriminación», denuncia o comité.

Os representantes do persoal tamén reprochan a «falta de obxectividade» dos informes, que non poderán ser contrastados polos órganos de valoración: faranse sobre o papel e sen darlles a oportunidade de explicar como inflúen as súas doenzas na súa vida cotiá, convertendo a valoración nun mero acto administrativo.

Por último, lamentan a eliminación da rigorosidade na cualificación social: por un lado, requirirase o recoñecemento directo da persoa usuaria coa correspondente entrevista e, por outro, valorarase en base aos informes pertinentes, non ofrecendo a estes últimos a información, asesoramento e orientación necesarias.

Fórmula alternativa

Por todo isto, o comité intercentros propón, como fórmula alternativa ao convenio, a cobertura de todas as vacantes e creación de postos necesarios dos EVO, que non se obrigue ao persoal destes equipos a validar un traballo realizado por outros profesionais e que a Xunta desista súa intención de derivar a outros profesionais as funcións que por lei só pode facer o persoal da Consellaría de Política Social.