Denuncian na Inspección o incumprimento das medidas anti covid no comercio de alimentación

Non se respectan os aforos nin se controla o uso de luvas e de xel hidroalcólico por parte da clientela
Publicado por o día 27/01/2021 na sección de CIG,Sindicatos

Denuncian na Inspección o incumprimento das medidas anti covid no comercio de alimentación

A federación de Servizos da CIG vén de denunciar diante da Inspección de Traballo o incumprimento xeneralizado das medidas de protección contra a covid-19 por parte das grandes cadeas do sector do comercio de alimentación. Nestes establecementos non se respectan os aforos máximos permitidos nin se controla o uso de luvas e de xel hidroalcólico por parte da clientela.

Esta situación de falta de seguridade está a provocar un aumento da preocupación entre o persoal, que teme contaxiarse e transmitirlle o virus aos seus familiares. “As traballadoras do sector observamos como non se respectan os aforos do 30% en ningunha das cadeas de supermercados e hipermercados, só basta con darse unha volta por calquera establecemento para comprobalo”, sinala a secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández.

En concreto, critica que non existen controis nos accesos das tendas, non só para contabilizar o número de persoas que entra, senón tamén para garantir o uso de luvas e xel hidroalcólico por parte dunha clientela “que maioritariamente pasa xa de lavarse as mans ou de gardar a distancia interpersoal recomendada coas traballadoras/es”.

Fernández explica que a decisión de trasladarlle este asunto á autoridade laboral ten que ver co “pasotismo” das direccións dos sectores de alimentación. “Esta deixadez fai que as persoas traballadoras teñan un medo permanente a seren contaxiadas, e sobre todo a contaminar ás persoas coas que conviven nos seus domicilios”.

Sector esencial

A responsábel sindical incide en que non se pode esquecer que as empregadas/os deste sector levan traballando sen descanso dende marzo de 2020 para ofreceren un servizo dos denominados esenciais. “Pero ser tan esenciais non repercute nin no salario, nin nos descansos, ni tan sequera na compensación dos excesos horarios que veñen padecendo; en moitos casos non descansan na metade da xornada, tal e como marca a lei, e á hora dos peches quedan máis tempo do que teñen contratado”.

Neste senso, asegura que o “egoísmo” destas grandes empresas “queda patente” a diario “porque lle dan máis importancia aos beneficios económicos que á saúde do seu persoal”. E lembra que ningunha destas cadeas de alimentación perdeu cartos durante a pandemia. “Máis ben todo o contrario, cada día gañan máis e teñen as traballadoras/es máis precarizadas/os”.

Diante disto, quere deixar moi claro que a CIG-Servizos vai facer todo o posíbel para obrigar as empresas a que cumpran coas medidas de seguridade, cos aforos, cos horarios e cos descansos. “Do contrario, seguiremos denunciando ante a autoridade laboral todos os incumprimentos”.