Denuncian o discriminatorio reparto que fai Inditex da prima de beneficios entre o persoal

Mentres que o de tendas cobrará en función das vendas, o de central, almacén e loxística cobrará o 100%
Publicado por o día 23/04/2020 na sección de CIG,Sindicatos

Denuncian o discriminatorio reparto que fai Inditex da prima de beneficios entre o persoal

A CIG-Servizos denuncia que o reparto que fai o grupo Inditex da paga de beneficios, o chamado bono anual de abril, “é discriminatorio” porque o persoal das tendas vai cobrar, ou non, en función das vendas do ano anterior ou do obxectivo que a propia empresa poña por cada cadea e por cada tenda e, porén, o persoal de central, almacén ou loxística cobra sempre porque depende directamente dos beneficios do grupo Inditex.

Así o denuncia a presidenta do comité de empresa de Zara e representante da CIG-Servizos, Carmiña Naveiro, quen entende que é, ademais, dobremente discriminatorio porque se establecen diferenzas entre o cobran as traballadoras que, facendo o mesmo traballo, recibirán esa paga nunha ou outra contía ou non recibirán nada, en función dos obxectivos marcados pola propia empresa na cadea ou na tenda para a que traballen. E é discriminatorio para todo o persoal de tendas fronte o de loxística, almacén e central, porque “si ou si van cobrar”.

Naveiro entende que “Inditex deixa claro así que dentro das propias tendas e do grupo existen traballadores/as de primeira de segunda e de terceira categoría”. Denuncia que “sendo todas dependentas non somos todas iguais” e lembra que, ao final, “que metemos o diñeiro na caixa somos as persoas que traballamos nas tendas”.

Asegura que ás traballadoras e traballadores “parécenos moi ben que Inditex e o propio Amancio Ortega fagan doazóns á sanidade e aos colectivos que o necesitan neste momento”, pero traslada a queixa que “non recibe igual trato o persoal” que merece ser “coidado” porque é, ao final, “quen lle garante ao Grupo e ao empresario os contiosos beneficios que obtén”.

Prima de beneficios

Carmiña Naveiro explica que foi onte cando se lle trasladou ao persoal que o bono anual de abril, a prima de beneficios, farase efectiva unha vez se proceda á apertura xeneralizada das tendas en todo o Estado e que esta paga será fraccionada. “Se as tendas abren en maio cobraremos en xuño unha parte e a outra en xullo”.

Sinala que para cobrar esa paga a propia empresa é quen establece os requisitos a cumprir. Deste xeito, se unha traballadora ou traballador supera o obxectivo fixado para a tenda, cobrará a prima completa; se non supera ese obxectivo, pero supera as vendas do ano anterior, cobrará a metade e quen non chega o obxectivo, nin supera as vendas do ano anterior non cobra nada.

Atendendo a estes criterios Naveiro considera que en case todas as cadeas, en Galiza, a maioría das traballadoras van cobrar ou ben un tope, ou ben o outro, pero tamén vai a haber traballadoras que non van cobrar ningún e que, por exemplo, dentro de Zara España SA, vai a haber unhas tendas nas que se cobre e outras nas que non. Por iso “consideramos esta situación inxusta e discriminatoria para as dependentas das tendas de Inditex”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.