Denuncian o intento do hospital Povisa de boicotear a folga de mulleres

A CIG trasládalle á Inspección de Traballo que o centro vigués aínda non comunicou os servizos mínimos
Por o 08/03/2019 | Sección: CIG,Galicia,Sindicatos,Vigo
Denuncian o intento do hospital Povisa de boicotear a folga de mulleres

A poucas horas de que dea comezo a folga de mulleres de 24 horas convocada con motivo do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, o hospital Povisa de Vigo aínda non fixo públicos os servizos mínimos que rexerán durante a xornada. Dende a CIG denuncian que se trata dun claro intento da dirección de boicotear o paro, polo que lle trasladaron o caso á Inspección de Traballo para que se garanta un dereito fundamental como o de folga.

A dirección de Povisa segue sen comunicar os servizos mínimos a pesar das solicitudes cursadas onte pola sección sindical da CIG e hoxe mesmo pola coalición CGT-SGPS, polo que as tres organizacións decidiron presentar unha denuncia diante da Inspección de Traballo. Finalmente fíxoo na propia Xunta, unha vez que a autoridade laboral se atopa pechada pola tarde.

Dende a sección sindical da CIG de Povisa censuran que esta actitude da empresa constitúe un claro intento de boicotear o paro de mulleres de 24 horas, polo que reclaman que a Inspección de Traballo tome cartas no asunto para evitar a vulneración dun dereito fundamental como o de folga.

Ao mesmo tempo, critican que dende o departamento de Recursos Humanos do centro médico vigués se lles negase a posibilidade de manter unha xuntanza para abordar a situación. “Solicitamos unha reunión co director e o único que nos dixeron foi que non podía atendernos”, sinalan.

Comentar noticia

Your email address will not be published.