Denuncian o trato de favor de PSA-Citroën á central amarela SIT-FSI na campaña das eleccións sindicais

Alertan do uso dun vehículo de uso interno para a recollida de material electoral do sindicato pro-empresa

A representación da CIG na Mesa Electoral Central de PSA-Citroën denuncia os “privilexios” outorgados pola empresa á central sindical SIT-FSI, que está a usar un vehículo de uso interno para realizar campaña de cara aos comicios do vindeiro 21 e 22 de outubro.

A CIG de PSA-Citroën alerta de que na mañá deste luns sorprenderon un candidato do sindicato pro-empresa SIT-FSI facendo uso dun automóbil de uso interno para o traslado de material electoral.

Fronte a isto, lembran que o regulamento da empresa prohibe a utilización destes vehículos para usos persoais sen previa autorización, e que non teñen constancia que a Mesa Electoral Central así o permitira.

Por tanto, esixen ao organismo electoral que desaprobe esta actuación, ou, no caso, que se aporten as argumentacións necesarias por parte da dirección para xustificar este trato de favor.

Desde a CIG de PSA-Citroën indican que non están dispostos/as a convivir con máis discriminacións “pola nosa forma de actuar fronte aos abusos que se están a cometer”, alén de indicar que este non é un caso illado, se non a proba palpábel dos privilexios cos que conta SIT-FSI por traballar en prol da dirección.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM