Denuncian os abusos laborais de Médicos sen Fronteiras cunha nova concentración fronte á súa sede

O sindicato asegura que a oenegué utilizou unha cláusula abusiva nos contratos para renovar oito veces o seu cadro de persoal nun ano, do que formaron parte 250 persoas para só trinta postos
Por o 01/09/2017 | Sección: CC.OO,Protestas,Sindicatos
Denuncian os abusos laborais de Médicos sen Fronteiras cunha nova concentración fronte á súa sede

Comisións Obreiras (CCOO) convocou o mércores unha nova concentración contra os despedimentos e os abusos laborais en Médicos Sen Fronteiras. A acción tivo lugar fronte á sede da oenegué en Santiago de Compostela. O sindicato rexeita os despedimentos na entidade, baseados na execución dunha cláusula contractual que coida abusiva e que está denunciada perante a Xustiza.

Cláusula por obxectivos

Esta cláusula determina que MSF define uns obxectivos de altas de socias e socios que, no caso de non seren cumpridos pola persoa que se dedica á captación, provocarán o seu despedimento sen dereito a indemnización.

Segundo CCOO, a oenegué utilizou este mecanismo para renovar o seu persoal de xeito constante. Así, no último ano do que se dispón de información, 250 persoas distintas ocuparon un cadro de persoal de trinta prazas. Dito doutro xeito, nun só ano renovouse o cadro de persoal máis de oito veces.

Para o sindicato, trátase dun dato «demoledor» que demostra que a cláusula está a ser aplicada «con total lixeireza, sen importar o máis mínimo a situación dos traballadores e das traballadoras ou o porqué de que non se lograsen os obxectivos fixados».

Desde CCOO aseguran que o 80 % do persoal non consegue cumprir os obxectivos fixados, feito que probaría que se trata dunha cláusula abusiva. Precisamente, este precepto foi denunciado xudicialmente e falta agora que se pronuncie o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Un verán de mobilizacións

A de mañá será unha mobilización máis nun verán en que CCOO xa convocou varias concentracións contra a actitude de MSF, incluíndo unha acampada de varios días fronte á sede compostelá.