Denuncian “psicoterrorismo” do BBVA contra o seu persoal na Xunta Xeral de Accionistas

Carmen García asegura que este tipo de políticas laborais “teñen traslado á conta de resultados”
Por o 20/03/2017 | Sección: CIG,Protestas,Sindicatos,Vigo
Denuncian “psicoterrorismo” do BBVA contra o seu persoal na Xunta Xeral de Accionistas

“En xuño do ano pasado, nesta empresa viviuse un pelotón de fusilamento. Un acto de psicoterrorismo contra o cadro de persoal, perfectamente orquestrado, planificado e executado”. Así o denunciaba o pasado venres, na Xunta Xeral de Accionistas do BBVA, a representante da CIG, Carmen García, quen asegurou que a cultura empresarial desta entidade contra o seu persoal, baséase “no medo, o sometemento e a ameaza”.

García interveu como portavoz da CIG, mais tamén en representación de numerosos/as accionistas que delegaron o seu voto nela para retratar unha abafante situación laboral no BBVA en Galiza, que se dá tamén no resto do Estado, e que derivou en que unha elevada porcentaxe do cadro de persoal se convertera en detractora da empresa para a que traballa, porque se sinte “enganada, frustrada”.

Lembrou que desa situación son ben coñecedores/as “os despedidos e despedidas de 2016 e 2017” e tamén moi conscientes as persoas incluídas no “pool de baixo desempeño”. E asegurou que á marxe da valoración, a valía profesional ou a traxectoria, as traballadoras e traballadores agora saben “que poden meternos nun despacho sen previo aviso onde, ou aceptamos o que se nos vén enriba, ou se nos presenta unha carta de despedimento”.

Políticas de persoal que teñen traslado á conta de resultados

Carmen García subliñou que este tipo de políticas contra o persoal teñen traslado a unha conta de resultados “que se ve lastrada interminablemente por erros estratéxicos de diversa índole, pola ambición desmedida dos anos do ladrillo”. Cuestións que considerou “erros e excesos” que foron orixe do “enorme burato negro no balance que, ano tras ano, o traballo e a dedicación do persoal conseguen tapar”.

Salientou que é precisamente o cadro de persoal o que fixo do BBVA líder en ratio de eficiencia a nivel europeo e fronte a isto denunciou o modelo de empresa “baseado no temor” e enrocado no cumprimento duns obxectivos que definiu como “non asumíbeis”, nomeadamente os referidos á rede comercial. “É un cóctel explosivo non só no que se refire ás relacións laborais, totalmente degradadas, senón no relativo ás consecuencias para a clientela”.

Perda de dereitos con cara de muller

Tamén chamou a atención sobre a situación das traballadoras, das que hai menos de unha por zona no posto de dirección de CBC. Por iso preguntouse se, no canto de valorarse o talento, no BBVA valórase tan só a mobilidade e denunciou que “a realidade amosa que non se está facendo o suficiente para buscar fórmulas que fagan destes postos algo atractivo para poder incorporar ás mulleres desta empresa a postos de máis responsabilidade”.

Xunto a  isto denunciou a “incapacidade” ou a “falta de interese” en facer as cousas de maneira que a metade do cadro de persoal (en referencia ás traballadoras) se vexa representado de forma igualitaria en todos os niveis da escala.

A representante da CIG concluíu asegurando que non se pode falar de Banca íntegra, responsable coa sociedade “nun entorno de destrución sistemática do emprego e agresións constantes o seu persoal” e advertiu que “sen un compromiso real por parte da Dirección do Banco co que vostede proclama como seu principal activo, coa estabilidade e a garantía das condicións laborais como referente, a nosa resposta será agora e sempre a denuncia e a confrontación”.

Rubens Rocha
Nado en Vigo hai 34 anos. Nacionalista Galego, Fotoxornalista, activista defensor dos dereitos humanos e ambientais. Buscando que se recoñeza e respecte os patrimonios da cidade de Vigo.

Comentar noticia

Your email address will not be published.