Denuncian que as novas fórmulas de contratación do Sergas afondan na precariedade

Rexeita que se culpe as profesionais de enfermaría de non querer traballar na segunda onda da pandemia
Publicado por o día 11/12/2020 na sección de CIG,Galicia,Sanidad,Sindicatos

Denuncian que as novas fórmulas de contratación do Sergas afondan na precariedade

A federación de Saúde da CIG denuncia que as novas fómulas de contratación das que está a botar man o Sergas afondan na precariedade laboral do persoal, nomeadamente no colectivo de enfermaría, que está vendo como aumenta a falta de dereitos coa invención do contrato de continuidade ou o de emerxencia.

Lembran que a primeira modalidade de contratación xa foi rexeitaa polo colectivo de Medicina Familiar e Comunitaria e de Enfermaría en numerosas ocasión, ao tempo que sinalan que este tipo de contratos aumentan a flexibilidade nas profesionais, que descoñecen as súas carteleiras, o servizo ou servizos aos que van ir traballar e nos que non son informadas das condicións que supón coller eses contratos. No caso do contrato de continuidade destaca a posibilidade de que se xeren prazas estruturais con esas características, polo que cunha praza en propiedade poderíase dar o caso de non estar asignada a ningún servizo.

Esta situación de inestabilidade non é nova, proba disto é a elevada taxa de temporalidade, en torno a un 40%, e a falta de estabilidade nun mesmo servizo. “A incerteza dos días que vas ser contratada dificulta enormemente a conciliación da vida laboral e familiar, situación que se perpetúa durante anos até conseguir un contrato estábel”.

Lembran que esta situación foi recoñecida polo Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que denunciou o abuso de recorrer sucesivamente a contratos temporais. “Todas estas condicións teñen provocado a emigración durante anos das profesionais sanitarias a outros países ou a servizos de saúde do estado, ou incluso a súa fuxida á empresa privada”.

Por iso amosan a súa supresa polo feito de que se atribúa a falta de profesionais ás baixas ou a permisos de conciliación, “cando o Sergas é coñecedor da situación mencionada e pouco se fixo para consolidar prazas estábeis e diminuír a temporalidade”. Neste senso, inciden en que a CIG-Saúde vén reclamando de forma reiterada a convocatoria de OPE coas prazas reais xeradas nos últimos anos.

Convocatoria dunha OPE

Lonxe disto, “e mesmo desoíndo as recomendacións da Unión Europea”, o Sergas segue teimando nas mesmas fórmulas que precarizan as condicións de traballo, “e boa proba disto é o plan de continxencia, onde se vende como logro a contratación de 750 enfermeiras/os”. Estas enfermeiras non son máis que as que viñan desenvolvendo este traballo durante todo o ano, pero con outro contrato de traballo diferente, contrato que permite mobilizalas entre servizos segundo as “necesidades asistenciais”. Este contrato non se pode rexeitar, agás que se teña algún contrato previo, “o que contrasta coa información que está a saír na prensa”.

Tamén trasladan a súa sorpresa polo feito de que, unha vez máis, se pretenda culpar a un colectivo “canso de solucionar unha e outra vez a mala xestión de persoal dos gobernos do PP”, de non querer traballar durante a segunda onda da pandemia. “Un colectivo que está a traballar baixo unha tremenda presión e ten suspendidos todo tipo de dereitos e permisos dada as circunstancias da crise sanitaria. Non terá algo que ver esta historia de maltrato co feito de que profesionais formadas e cualificadas traten de ter un posto de traballo digno, que respecte os seus dereitos?”.

Por todo isto, esixen que a Administración deixe de “maltratar” as traballadoras/as do Sergas, que se convoque unha OPE coas prazas necesarias para acabar coa temporalidade e que se dignifiquen as condicións de traballo dun colectivo “hoxe máis necesario ca nunca”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.