Denuncian que o contrato de continuidade é un paso máis na precarización da sanidade

O colectivo de enfermaría protestou hoxe diante do Sergas en Vigo
Publicado por o día 16/09/2019 na sección de CC.OO,CIG,Galicia,PROSAGAP,Protestas,Sanidad,Sindicatos,Vigo

Denuncian que o contrato de continuidade é un paso máis na precarización da sanidade

O colectivo vigués ‘Enfermeiras sen cadeas’, con apoio dos sindicatos CIG, Prosagap e CC.OO. denunciou hoxe nunha concentración diante da sede do Servizo Galego de Saúde as “condicións de escravitude” do contrato de continuidade que lles ofrece o Sergas (e que tamén ofreceu aos médicos).

O pasado 31 de xaneiro publicábase en DOG unha nova forma de nomeamento para persoal eventual de continuidade, aplicado nese momento ao colectivo de medicas/os de familia e pediatras de Atención Primaria. Este contrato foi rexeitado de forma masiva polo persoal afectado ao entender que pon en perigo a calidade da sanidade pública pola falta de continuidade na asistencia, fonda na precariedade laboral ao ter unha xornada flexíbel do 40% e ao abrir a porta á creación de prazas estruturais de médica/o e pediatra de área nestas condicións ofertadas por OPE.

Segundo denuncian dende a CIG-Saúde, seis meses despois, “e pola porta de atrás”, os sindicatos asinantes e Administración acordaron a extensión deste contrato ao colectivo de enfermaría, “producindo malestar entre o persoal, xa que vemos como perpetúa a precariedade e a dispoñibilidade permanente das traballadoras/es para o Sergas”.

Denuncian que a escusa da falta de persoal está a ser a coartada perfecta para empeorar as condicións de traballo, “sendo estas condicións as que expulsaron a centos de sanitarios doutros servizos de saúde e incluso a emigrar a outros países en busca dun traballo digno”.

Xa que, entre outras cousas, este contrato incrementa a dispoñibilidade horaria e xeográfica; non asegura as libranzas ao prestar servizo en distintas unidades no mesmo mes; supón non ter coñecemento dunha carteleira mensual nin dos lugares de traballo; posibilita que se cubran os PAC con contratos de garda e non con contratos de xornada ordinaria, aforrándose as retribucións de nocturnidade e festividade; e crea futuras prazas estábeis (interinidades e OPE) coas condicións de traballo deste nomeamento.

Protesta no Sergas

Polo tanto, as traballadoras/es afectados rexeitan un nomeamento “que perpetúa a precariedade laboral do persoal, empeora a calidade asistencial das nosas/es doentes e precariza aínda máis as condicións de traballo”. Diante disto, esixen a retirada deste vínculo para todas as categorías afectadas e a creación de prazas estábeis con convocatorias de OPE que cubran todas as prazas, rematando coas taxas de reposición.

Estas foron precisamente as principais reivindicacións que trasladaron durante a mobilización desenvolvida este mediodía polo colectivo de enfermaría diante da delegación do Sergas en Vigo, onde despregaron unha faixa rexeitando “os contratos infernais” e berraron consignas en defensa dunha atención sanitaria de calidade e dunhas condicións de traballo dignas.

O contrato que ofrece a administración, e que entrará en vigor este outono (con carácter voluntario), “precariza aínda máis” as condicións das enfermeiras eventuais, que son “moitas máis” das que admite a Xunta. A temporalidade afecta a un 40 por cento das enfermeiras en atención especializada e a un 28 por cento en atención primaria (moi lonxe das cifras do Sergas, que fala dun 80 por cento de estabilidade).

O contrato de continuidade supón unha constante mobilidade das profesionais (que poden traballar “en dous ou máis centros”), pasar a ter 48 horas de traballo á semana; e ter un 40 por cento do seu horario mensual sen fixar previamente, para que sexa decidido de forma “discrecional” por parte da EOXI, en función das necesidades do servizo.

Video

Fotos