A DEPO aproba axudas por preto de medio millón de euros para mellorar montes e crear dezaseis parques forestais

O vicepresidente Mosquera subliña que a implicación da institución provincial para corrixir o “o máis importante problema ambiental de Galicia” é “sumamente oportuna e necesaria”.
Publicado por o día 20/10/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Medio Ambiente,Pontevedra

A DEPO aproba axudas por preto de medio millón de euros para mellorar montes e crear dezaseis parques forestais

A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe na Xunta de Goberno axudas por un total de 443.966,87 euros para redactar proxectos de parques forestais e realizar actuacións de mellora e recuperación nos montes da provincia potenciando os seus valores paisaxísticos, ambientais, culturais e patrimoniais, así como a súa multifuncionalidade.

O importe das subvencións repartirase entre dez Concellos (Arbo, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Fornelos de Montes, Mondariz, As Neves, Oia, Ponteareas e Vilaboa), que presentaron propostas para crear dezaseis parques forestais, cada un deles de máis de 50 hectáreas de monte.

O vicepresidente Mosquera, impulsor das axudas, destacou que a implicación da institución provincial para corrixir o desleixo do monte en Galicia, que define como “o máis importante problema ambiental de Galicia”, é “sumamente oportuna e necesaria” a día de hoxe. Destacou que o monte sempre foi o grande esquecido polas administracións á hora de poñer en marcha iniciativas polo que, aínda que a Deputación de Pontevedra non ten competencias para a ordenación e mellora, decidiuse contribuír “cun esforzo económico, unha liña de subvencións novidosa que leva en trámite dende principios deste ano e que hoxe dá os seus froitos”, coincidindo apenas uns días despois da vaga de lumes que vén de sufrir o país.

Mosquera lembrou que o plan de axudas para parques forestais se dividiu en dúas liñas. A primeira, para a redacción de proxectos, e unha segunda para a execución de obras e actuacións de proxectos xa elaborados. No caso da primeira liña presentáronse dezaseis solicitudes e atendéronse todas elas concedendo o máximo de subvención posible, o 80%, o que supón unha subvención de 129.874 euros.

Nesta Liña 1, o Concello de Arbo recibirá 11.616 para o proxecto do parque de Serra de San Fins, e outros 4.791 euros para o proxecto do parque de San Miguel; o Concello de Cangas recibirá 4.800 euros para cada un dos proxectos dos parques de Varalonga, Massó-Limens e Carballeira; o Concello de Cerdedo-Cotobade recibirá 18.912 euros para o parque de Tomonde e 5.760 euros para o parque de Coirego; o Concello de Forcarei recibirá 6.360 para o proxecto de Fixó-Portela; o Concello de Fornelos recibirá 5.808 euros para o proxecto do parque de Freaza; o Concello de Mondariz recibirá 9.583 euros para o proxecto de Montes de Gargamala e 6.360 para o de Monte da Lagoa; o Concello de As Neves 9.600 euros para o proxecto da Serra de San Fins; o Concello de Oia 13.552 euros para o proxecto de Serra de Groba e Costa de Ooia; o Concello de Ponteareas 9.292,8 para o proxecto do parque Picaraña, e 7.478,4 para o parque de Seixiforna-Viveiro; e, por último, o Concello de Vilaboa recibirá 6.360 euros para o proxecto do Miradoiro de Cotorredondo.

Estas axudas para o deseño dos parques vense completadas pola liña 2 do plan, que suma subvencións por 314.092,87 euros, sendo o reparto do seguinte xeito: Concello de Forcarei, 47.700 euros para o parque Fixó-Portela; Fornelos de Montes 42.556,3 para o parque de Freaza; Mondariz 47.700 para o parque de Monte da Lagoa, e 45.900 para crear o parque ‘Viveiro da Franqueira’ -en base a un proxecto que o Concello xa tiña redactado con anterioridade-; Ponteareas 54.001 euros para o parque de A Picaraña, e 28.535,57 euros para o parque ‘San Cibrán-Muíños- Couso’, do que tamén existía proxecto de execución municipal; e Vilaboa, por último, 47.700 euros para o parque ‘Miradoiro de Cotorredondo’.

Nesta Liña 2 presentáronse nove solicitudes e asistíronse sete delas, xa que dous expedientes, os do Concello da Illa de Arousa e o do Concello de Oia, non cumprían todos os requisitos para poder ser beneficiarios das axudas.

Medidas de prevención de incendios

Un dos requisitos das bases da liña de subvencións e que, por tanto, inclúen todas as propostas aceptadas para os parques, é que contan cun apartado específico de medidas encamiñadas á protección contra os incendios forestais. En xeral, os parques deben estar concibidos como zonas resistentes fronte aos incendios, propoñendo a eliminación de especies como o eucalipto, a acacia ou a mimosa, e potenciando frondosas de folla caduca existentes, reducindo densidades mediante clareos, creando devasas perimetrais e cortalumes, así como, onde sexa posible, instalando puntos de abastecemento de auga para a extinción de incendios forestais. Así mesmo, a planificación multifuncional para o aproveitamento do monte, con actividades deportivas, educativas e turísticas xunto coa produción de cogomelos, castañas ou a gandeiría, tamén se entende como medida preventiva por si mesma a modo complementario.