A DEPO comeza a aplicar o novo plan de autoprotección en Príncipe Felipe

A institución provincial tamén adquire un microbús adaptado a persoas con mobilidade reducida para dar servizo aos centros de acollemento.
Por o 15/11/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra
A DEPO comeza a aplicar o novo plan de autoprotección en Príncipe Felipe

A Deputación de Pontevedra iniciou esta semana a aplicación do novo Plan de Autoprotección para Príncipe Felipe coas primeiras reunións de traballo entre a empresa adxudicataria e a dirección e persoal do centro infantil. Este documento establecerá os protocolos para previr e controlar os riscos dos usuarios (tanto traballadores e traballadoras como menores) e dos bens e instalacións do centro.

A implantación do novo Plan de Autoprotección, que é obrigatorio para centros residenciais e nunca fora aplicado polos anteriores gobernos provinciais, pretende garantir que todos os usuarios do centro saiban como actuar ante unha situación de perigo dentro das instalacións. De feito, o documento analizará as posibles situacións que poden desencadear a citada emerxencia (incendios, catástrofes naturais… ), e definirá as accións a seguir por parte de cada unha das persoas presentes no centro cando esta se desencadena.

O Plan de Autoprotección afectará en diferentes graos a unhas 1.340 persoas que pertencen tanto aos centros de acollemento, á escola infantil, ao colexio de Infantil e Primaria, ao centro de hostelería Carlos Oroza, ao instituto Montecelo como ao centro de Educación Especial. A deputada Eva Vilaverde subliña que Príncipe Felipe é un “centro de centros” que funciona ininterrumpidamente durante todo o ano e no hai usuarios de moi diferentes perfís, polo que “é fundamental organizar as actuacións, minimizar posibles problemas e cumprir coa legalidade vixente”.

O Plan será redactado por unha asistencia técnica adxudicada á empresa Incope Consultores SL, que presentou un orzamento de 22.150 euros, rebaixando de xeito considerable os 33.000 euros base da licitación. Unha vez elaborado o plan –que deberá estar finalizado no prazo de catro meses-, deberá presentarse no rexistro da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia, polo que a previsión é que estea operativo na primavera de 2018.

A aplicación do plan implicará de forma principal aos responsables dos diferentes centros da ‘cidade infantil’, que se encargarán da súa implantación, mantemento, divulgación entre xs usuarixs, e tamén da organización de realización de simulacros, así como da toma de decisións concretas nos momentos de perigo. Entre outras cousas, o novo plan incluirá a mellora da sinalización dos espazos, co fin da facilitar a súa identificación e tamén os protocolos de evacuación necesarios.

Segundo asegurou a deputada delegada Eva Vilaverde, a posta en marcha deste plan é “unha mostra máis” do traballo que a Deputación está a realizar para potenciar o servizo que se presta en Príncipe Felipe para o e as menores, garantindo a súa seguridade e a calidade de atención.

Novo microbús adaptado

Ademais da posta en marcha do Plan de Autoprotección, a deputada Eva Vilaverde tamén deu hoxe a coñecer o novo microbús adquirido dende a Deputación de Pontevedra para os e as usuarias dos centros de acollemento de Príncipe Felipe. O vehículo, que foi adquirido por concurso por 148.000 euros a Pérez Rumbao, xa está dispoñible e servirá para realizar os traslados dos menores ás diferentes actividades e centros educativos.

Segundo manifestou Vilaverde, era necesario realizar un cambio do minibús anterior para mellorar a seguridade dos rapaces e rapazas. A nacionalista destacou a súa versatilidade, xa que está adaptado a persoas de mobilidade reducida podendo cambiar rápidamente as butacas existentes (abatibles e xiratorias) e convertilas en prazas adaptadas coa súa anclaxe correspondente. Así mesmo, o minibús tamén dispón dunha plataforma de baixada específica. “É habitual que nos centros de acollemento de Príncipe Felipe haxa menores con mobilidade reducida. Neste momento temos tres rapaces e rapazas en cadeira de rodas, pero tamén se dan situacións nas que temporalmente hai usuarios que están limitados nos seus movementos. Por iso era fundamental ter un microbús adaptado”, destacou.

Co fin de desfacerse do anterior minibús e tamén doutro de 55 prazas (xa inutilizados), a Deputación vén de poñer en marcha unha poxa para que os interesados presenten ofertas para o alleamento. O microbús de 20 prazas terá un prezo de saída de 1.050 euros e o bus de 55 prazas de 1.000 euros. As ofertas poden presentarse ata o día 23 deste mes e a poxa será o día 29. Pódese atopar máis información no Boletín da Provincia.