A DEPO completa a equipa técnica do Departamento de Mobilidade cun novo director e xefe de servizo

O vicepresidente César Mosquera mostrouse “convencido de que os resultados veranse a curto prazo” na eficiencia e profesionalidade do traballo nas estradas provinciais.
Publicado por o día 16/02/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

A DEPO completa a equipa técnica do Departamento de Mobilidade cun novo director e xefe de servizo

A Deputación de Pontevedra vén de completar a dirección do Departamento de Mobilidade con dúas novas incorporacións que dirixirán tecnicamente o traballo nas infraestruturas viarias provinciais. Dende agora, o novo xefe de servizo de Mobilidade, responsable da área de Planificación e Proxectos, será Francisco Alonso Fernández, mentres que o novo director será Daniel Romay, que traballará na área de Xestión e Conservación viarias dos 1.700 quilómetros de estradas de titularidade da institución.

Segundo explicou o vicepresidente César Mosquera, a incorporación destes dous enxeñeiros de Camiños, Portos e Canais, cunha longa traxectoria na administración pública, suporá “un antes e un despois” no servizo, xa que permitirá unha mellora na eficiencia e na profesionalidade da xestión das estradas provinciais. “Estou convencido de que os resultados veranse a curto prazo”, indicou.

Pola súa banda, o deputado delegado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou que a nova equipa de dirección do servizo é “fundamental” para mellorar un departamento que estaba “descabezado e con ausencia de persoal cualificado e dun persoal técnico”.

Esta situación, lembrou, levou a “detectar moitas situacións anómalas na tramitación de obras e actuacións, que obrigaron a rescindir contratos xa adxudicados por non ter terreos a disposición ou os permisos correspondentes”. A incorporación deste persoal, dixo, “suporá un cambio importante no servizo: unha maior tecnificación e profesionalización para dirixir aos case 140 traballadores do departamento”.

Así mesmo, Benítez tamén anunciou que, co obxectivo de “cumprir os retos que nos marcamos para o mandato en relación ás vías provinciais”, tomouse a decisión de sacar a concurso-oposición outras tres prazas de enxeñeiro para o departamento. Estas prazas incluíronse na oferta de emprego de 2016 e agora estase a realizar a tramitación

para desenvolver as probas selectivas. “Agardamos que este persoal estea incorporado este ano porque este servizo está terriblemente empobrecido”, insistiu Mosquera.

Por outra banda, o deputado de Mobilidade quixo explicar tamén que o departamento funcionará seguindo unha nova estrutura, tal e como acontece con outras administracións de incluso menor dimensión que a Deputación. A partir de agora haberá un departamento independente de Planificación e Proxectos e outro de Xestión e Conservación viarias (mantemento), dos que se encargarán respectivamente os novos xefe de servizo e director.

Francisco Alonso Fernández

O novo xefe de servizo de Mobilidade, Francisco Alonso, é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Escola Superior de Madrid (promoción de 1988). Da súa experiencia profesional pódese destacar que, dende xuño 2009, era xefe de servizo territorial de Augas de Galicia en Vigo, ocupando con anterioridade outros cargos na Xunta de Galicia, de director de obras de infraestruturas hidráulicas subdirector xeral de Programación e Proxectos de Augas de Galicia na Consellería de Medio Ambiente. Así

mesmo, na Universidade de Vigo foi profesor asociado da Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Industrial e tamén representante provincial no Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos dende o ano 2006 e conselleiro territorial en representación de Galicia no Colexio de Camiños de Madrid dende o 19 de abril de 2016.

“Ten unha dilatada experiencia na administración pública e é unha persoa moi implicada coa súa profesión. Incorpórase en réxime de comisión de servizos, xa que é funcionario, e desenvolverá toda a área de novos proxectos”, subliñou Benítez.

Daniel Romay Díaz

O novo director de Mobilidade, Daniel Romay Díaz, é enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidade da Coruña (promoción 2001). Dende o ano 2014 traballa na Axencia Galega de Infraestruturas, no Servizo Territorial de Pontevedra, principalmente desenvolvendo labores de conservación e explotación da rede viaria. Nestes últimos anos, de feito, participou na ‘Estratexia en Materia de Mobilidade Alternativa de Galicia’ a través da elaboración de plans comarcais, desenvolvemento de proxectos de vías peonís e ou ciclistas. Anteriormente estivo en varias empresas privadas, así como en Augas de Galicia (2004-2007) como xefe de área de Calidade das Augas na Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico. No 2008 incorporouse á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI) exercendo labores de director de obra na Rede de Estradas de Galicia e dende 2001 como xefe de departamento de Obra Civil, dependendo directamente da Presidencia do Organismo.

O deputado de Mobilidade salientou que Romay ten un importante reto por diante para “mellorar a eficiencia e que as estradas provinciais estean ben xestionadas na súa conservación ordinaria, o que implica traballar cunha grande área de persoal”.

Finalmente, o vicepresidente Mosquera agradeceu a ambos os dous novos técnicos o ter aceptado a proposta da Deputación. “Buscamos o máis cualificado que podiamos atopar. A anterior directora de Mobilidade marchou como responsable de Adif. A busca foi grande e levou tempo, porque queriamos xente experimentada e con coñecemento do medio para funcionar xa. Entendemos que o resolvemos moi ben”, finalizou.