DEPO iniciou traballos de sinalización horizontal nas estradas provinciais no Val Miñor

O orzamento da actuación, segundo anuncia o deputado Uxío Benítez, é de 49.274,40 euros para realizar máis de 86 quilómetros de pintados na zona.
Publicado por o día 26/06/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

DEPO iniciou traballos de sinalización horizontal nas estradas provinciais no Val Miñor

A Deputación de Pontevedra iniciará esta semana, se a climatoloxía o permite, o pintado da nova sinalización horizontal nas estradas provinciais do concello de Baiona.

Os traballos contratados pola institución provincial na zona do Val Miñor comezarán por este municipio, onde se renovarán 33,8 quilómetros de sinalización, que subirán ata os 86,2 no global dos concellos, que ascenden a investimento de 49.274 euros.

O plan de mellora da sinalización horizontal promovido polo Departamento de Mobilidade no que están inmersas estas actuacións no Val Miñor beneficiará a 226 estradas de titularidade provincial, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede da Deputación, cunha lonxitude de 2.577 quilómetros de pintados. Tivo un orzamento xenérico de saída de 1,7 millóns de euros e foi adxudicado en catro lotes por un total de 1.409.319 euros.

A mellora da sinalización horizontal, segundo asegura o deputado Uxío Benítez, enmárcase na nova filosofía do departamento de Mobilidade da Deputación que aposta pola mobilidade sustentable na que a seguranza viaria é un eixo clave. O obxectivo do plan de sinalización horizontal é que se pinten as vías (liñas lonxitudinais, aparcamentos, illotes, cebreados, pasos de peóns) que nunca tiveron marcas viarias e se renove o pintado naquelas nas que polo paso do tempo e o uso xa estean desgastadas.

Na última semana a empresa adxudicataria do lote correspondente á comarca de Vigo e o Morrazo realizou os pintados das estradas EP-1002 en Cangas entre Magdalena e Aldán, así como no concello de Bueu, na EP-1302 Beluso-Cabo Udra, na EP-1303 Banda do Río-Portela, na EP-1308 e EP-1309 nos accesos ás praias de Lagos e Beluso. Nos seguintes meses de xullo e agosto continuarase polas diferentes estradas do mencionado ámbito xeográfico.