A DEPO investirá 28.246€ na rehabilitación estrutural da EP-208 entre Fornelos e Ventín

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación encaixa na Estratexia 3.0 provincial co obxectivo de mellorar a seguranza viaria.
Publicado por o día 10/10/2017 na sección de Deputación de Pontevedra

A DEPO investirá 28.246€ na rehabilitación estrutural da EP-208 entre Fornelos e Ventín

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra investirá 28.246,09 euros no proxecto para a rehabilitación estrutural do firme dun treito de medio quilómetro na estrada provincial EP-2804 entre Fornelos e Ventín, no concello de Fornelos de Montes.

A intención, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, é mellorar a seguranza viaria, obxectivo prioritario da Estratexia de Mobilidade 3.0 do novo goberno provincial.

A actuación realizarase no treito de 500 metros co que inicia a estrada na súa parte máis próxima ao núcleo do concello. Segundo explican os técnicos provinciais, nesa lonxitude da EP-2804 o firme presenta pavimentos escorregadizos, fendas, afundimentos ou peraltes defectuosos, entre outros problemas. Coa proposta de mellora, limparase e reperfilaranse as cunetas e marxes a ambos os lados, rozaranse os noiros ata 4 metros de altura, e despois aplicarase unha rega de adherencia, a correspondente pavimentación, unha nova capa de material antiescorregadizo e finalmente outra capa de rodadura, para rematar a actuación coas correspondentes marcas viarias.

O orzamento para facer estes traballos ascende a 28.246,09 euros, e prevese que estean executados nun prazo dun mes a partir da data de replantexamento. Unha vez asinada polo responsable de Mobilidade, a proposta de actuación pasará a licitación e adxudicación.

É preciso lembrar que este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir de 2018 a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as contratacións. En virtude dese acordo marco, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. O lote no que está o mantemento viario do concello de Fornelos inclúe tamén os municipios de Ponte Caldelas, A Lama, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra de Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz Balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente, cun investimento de 711.896,06 euros.