A DEPO mellorará a estrada provincial Puxeiros – Peinador en Mos

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez anuncia a sinatura dun convenio para executar as obras, orzamentadas en 632.857,31 euros.
Por o 19/09/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Mos
A DEPO mellorará a estrada provincial Puxeiros – Peinador en Mos

A Deputación de Pontevedra ten xa finalizado o proxecto de mellora integral da estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador. A actuación, segundo informou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, consistirá na rehabilitación integral do firme da estrada; na instalación de sistemas de barreiras de seguranza para motociclistas, elementos de calmado de tráfico e nova iluminación; así como na renovación do abastecemento de auga e a drenaxe. As obras, que segundo o nacionalista se executarán grazas ao convenio que se asinará proximamente entre Deputación e Concello de Mos, teñen un orzamento de 632.857,31 euros e suporán unha importante mellora na seguranza viaria para todos os usuarios da vía, tanto peonís como motorizados.

A mellora da estrada Puxeiros-Peinador foi unha das peticións que a alcaldesa de Mos lle trasladou ao deputado de Mobilidade nos encontros celebrados para falar da rede de estradas provinciais no concello do Louriña. Benítez destacou a alta intensidade de tráfico, sobre todo de vehículos pesados, e a capacidade vertebradora da vía EP-2603 dentro do municipio, posto que conecta o núcleo urbano co aeroporto, o IFEVI e a zona industrial do Rebullón. Tamén lembrou a existencia de problemas que reducen a seguranza da vía, tales como o mal estado xeral dos pavimentos, a insuficiente iluminación, e o mal estado da sinalización horizontal e vertical e do abastecemento municipal, con constantes roturas que provocan danos estruturais ao firme.

Con todos estes antecedentes, o departamento de Mobilidade traballou para sacar adiante o proxecto, que terá un ámbito de actuación que abrangue toda a estrada (2.759 metros de lonxitude). A principal obra consistirá na mellora estrutural do firme, que será fresado para estender un novo aglomerado nos tramos máis urbanizados -con maior desgaste da capa de rodaxe- e nas interseccións. En canto ao calmado do tráfico, proxéctanse dous novos pasos de peóns sobreelevados (PPS) no núcleo urbano de Puxeiros, nos puntos quilométricos 0+055 e 0+220, que soportan un tráfico importante.

Tamén se instalarán sistemas de protección de motociclistas -de tipo continuo- en substitución das biondas existentes, que supoñen un elemento de contención que perigoso, e tamén nos treitos de curvas que sexa necesario. No canto da sinalización horizontal e vertical, limitarase as velocidades a máximos de entre 50 e 30 quilómetros por hora e remarcaranse os pintados lonxitudinais, transversais, inscricións, e outros.

Como actuacións complementarias inclúese a instalación dun novo punto de luz no medio da actual glorieta de Puxeiros, xa que o sistema actual é claramente insuficiente: apenas hai puntos de luz nos ramais de saída ao aeroporto e cara á avenida Peinador, cando a glorieta ten máis de 30 metros de diámetro. No proxecto inclúese unha nova columna de 10,5 metros de altura con catro brazos nos que se instalarán catro luminarias de aceiro e aluminio.

Por outra parte, dado que a actual tubaxe municipal de abastecemento de auga que sae da glorieta de Puxeiros cara Peinador pola marxe dereita da estrada – que sufre numerosas roturas en diferentes puntos, provocando o deterioro de firmes e pavimentos-, substituirase por outra que soporte mellor a presión da auga con sección diferente en función dos treitos.

Finalmente, coñecidos os problemas de asolagamentos nas interseccións da EP-2603 co Camiño do Monte Canal e coa rúa que cruza a vía no punto 0+160, colocaranse sumidoiros de rexa continua no largo completo dos ramais de enlace conectados á rede de pluviais. Así mesmo, realizaranse as correspondentes actuacións de drenaxe nos novos PPS.

Todas estas actuacións, segundo indicou o deputado Benítez, están orzamentadas en 632.857,31 euros, e serán obxecto dun convenio entre a Deputación e o Concello de Mos que no que se recollerán as condicións de financiamento e execución. Este será asinado en vindeiras datas. Está previsto que unha vez adxudicados os traballos se realicen nun prazo de catro meses.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.