A DEPO mostra os milleiros de referencias documentais e bibliográficas do arquivo no día da biblioteca

O deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal destaca que a área de Patrimonio Documental e Bibliográfico “é un servizo para a cidadanía e queremos que se empregue como ferramenta no día a día da xente”.
Publicado por o día 24/10/2017 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A DEPO mostra os milleiros de referencias documentais e bibliográficas do arquivo no día da biblioteca

A Deputación de Pontevedra abriu hoxe as portas do seu Arquivo para mostrar os milleiros de referencias documentais e bibliográficas de que dispón. Un grupo duns 20 escolares do IES Poio aproveitaron as actividades programadas co gallo do Día da Biblioteca para coñecer o traballo diario do servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

Os rapaces e rapazas descubriron que no Arquivo provincial custódianse moi diferentes tipos de documentos que calquera usuario pode consultar e levar en préstamo para a  súa casa: libros, revistas, audiovisuais e mapas, entre outros. Realizaron unha visita guiada polos diferentes espazos do servizo provincial: a sala de investigación, a cartoteca, a área de audiovisuais… e incluso entraron na sala onde se custodian os milleiros de libros referenciados, coñecendo de primeira man cales son os procesos para catalogar, xestionar e custodiar cada exemplar.

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, acompañou na visita aos estudantes e subliñou que “é preciso poñer en valor o traballo da biblioteca do Arquivo e do departamento de Patrimonio documental e bibliográfico, posto que aínda que está centrado no labor investigador, tamén é un servizo para a cidadanía que queremos que se empregue no día a día da xente”. O nacionalista destacou que entre os milleiros de fondos provinciais existen verdadeiras “reliquias” en moitos casos descoñecidas, que é preciso recuperar e visibilizar aproveitando o Ano do Patrimonio.

Ademais da visita realizada ao Arquivo durante a mañá, estaba previsto que a conmemoración do Día da Biblioteca se completase pola noite coa presentación do libro ‘As aves do Gafos’, unha publicación da Editorial da Deputación impulsada pola Asociación Vaipolorío e da autoría de Ramón Sineiro de Saa.