A DEPO prevé realizar actuacións de calmado de tráfico e pintado en estradas provinciais

Xa remataron os traballos para tapar as fochancas da estrada EP- 2703, na que a empresa COVSA realizou unha roza da maleza entre o 8 e o 17 deste mes.
Publicado por o día 30/03/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

A DEPO prevé realizar actuacións de calmado de tráfico e pintado en estradas provinciais

A Deputación de Pontevedra prevé realizar esta primavera unha vintena de actuacións de calmado de tráfico e de pintado en todas as estradas provinciais do Concello de Ponteareas. As actuacións de mellora corresponden a varios plans de actuación que están orzamentados só para este concello do Condado en máis de 110.000 euros.

Ao abeiro do Plan de Mobilidade e Velocidade Segura (MÓVESE) o concello de Ponteareas recibirá un total de dez pasos de peóns sobreelevados e cinco redutores físicos de velocidade que se instalarán nas estradas de Ponteareas-Guillade, Celeiros- Oliveira, Confurco-Couso, Areas-Alxán- Cabreiras, Ponteareas-As Neves, así como tamén na estrada compartida co concello de Pazos de Borbén. Estas actuacións están na última fase de contratación e permitirán unha mobilidade sostible e segura para os colectivos máis vulnerables que transitan por elas, xa que obrigarán aos condutores a reducir a velocidade tanto con elementos físicos como coa correspondente sinalización de zonas 30. A súa execución realizarase entre a primavera e principios do verán.

En canto á sinalización horizontal, pintaranse máis de 45 quilómetros de liñas lonxitudinais nas estradas Celeiros-Oliveira, Confuco-Couso, Areas-Alxán- Cabreira, así como no acceso á igrexa de Guláns, e na estrada Pazos-Ponteareas. O cronograma de actuacións iniciarase nas vindeiras semanas. Este pintado de vías forma parte dun plan integral para toda a provincia que conta cun investimento de 1,7 millóns de euros para a mellora de 2.577 quilómetros de sinalización. En total actuarase en 226 estradas, o que supón case as tres cuartas partes do total da rede de vías de titularidade provincial, e que pretende mellorar un déficit histórico. O plan porase en marcha agora logo de meses de traballo por parte dos técnicos provinciais.

A estes traballos súmanse as rozas que se están a realizar de xeito periódico e puntualmente de cara á Semana Santa e ao verán. Por outra banda, tamén está previsto poñer en marcha este ano un plan xeral de rehabilitacións de firme para toda a provincia. Os técnicos que supervisan as estradas están a realizar un análise das prioridades de actuación para detectar os defectos existentes nas capas de rodadura da rede provincial e planificar unha liña de actuacións que tamén incluirá ao concello de Ponteareas.

En canto á EP-2703 entre Pazos e Ponteareas, a Deputación quere aclarar que dende o 8 ao 17 deste mes a empresa Covsa, contratada de xeito externo, realizou unha roza completa da vía con motoniveladoras e diferente maquinaria. Así mesmo, durante os últimos días realizáronse traballos por parte das brigadas para tapar as fochancas existentes. Todas as actuacións estaban planificadas dende hai semanas.