DEPO realizará rehabilitación do firme na estrada provincial Calvario-Garrida en Vigo

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a actuación, que ten un orzamento de 57.071,65 euros, poderá comezar no mes de setembro.
Publicado por o día 01/08/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

DEPO realizará rehabilitación do firme na estrada provincial Calvario-Garrida en Vigo

A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai realizar unha rehabilitación integral do firme na estrada provincial EP-2001 Calvario-A Garrida en Vigo para aumentar a seguranza viaria. Segundo indicou o deputado Uxío Benítez, a actuación, que ten un orzamento de 57.071,65 euros e xa foi adxudicada á empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, poderá comezar no mes de setembro.

O obxecto da actuación consiste en limpar, rozar e reperfilar os noiros de ata catro metros de altura e as marxes da estrada, así como rehabilitar a capa de firme dun treito de preto de 700 metros da vía (entre os puntos quilométricos 5+630 e 6+260) e instalar nova sinalización horizontal. Segundo indica Benítez, a mellora do asfalto xa fora obxecto dun anterior contrato adxudicado en novembro de 2014, se ben en febreiro de 2015 o pasado goberno provincial paralizou as obras.

Debido a que o estado do firme empeorou considerablemente, os servizos técnicos do departamento de Mobilidade certificaron que era precisa a mellora, pero incluso realizando unha eliminación parcial da capa de rodaxe existente (non prevista no proxecto contratado) previa á extensión da nova capa. Por este motivo, e dado o tempo transcorrido coa obra paralizada, solicitouse a resolución do contrato para poder licitar un novo proxecto que si incluise as novas obras necesarias.

Como resultado, redactouse un novo proxecto cun orzamento de 57.071,65 euros, propoñéndose a adxudicación á anterior empresa dado o seu coñecemento da actuación (posto que participara no replantexamento da obra e actividades preparatorias).

Unha vez formalizado o trámite da contratación, a empresa deberá entregar o plan de seguridade e saúde e definir a actuación sobre o terreo. Segundo as previsións, eses trámites poderán estar listos no mes de setembro e a obra –que ten un prazo de execución dun mes- lista en outubro se as condicións metereolóxicas o permiten.

Ademais da actuación de rehabilitación do firme na estrada provincial entre o Calvario e A Garrida, o resto da vía que non é obxecto dese proxecto tamén se verá beneficiada da renovación da sinalización horizontal. Estes días a empresa Viabal Manteniment i Conservaciò SA, responsable do repintado de todas as vías provinciais na comarca de Vigo e o Morrazo, xa está a realizar labores de marcado das liñas lonxitudinais, cebreados e illotes na EP-2001, ao abeiro do Plan de Sinalización que a Deputación a realizar en todos os concellos da provincia.