A DEPO recibe 2 millóns de euros dos fondos europeos para proxecto transfronteirizo de xestión de residuos

O proxecto ESTRAEE, que liderará a institución pontevedresa, busca “un salto cualitativo” na xestión ambiental dos residuos eléctricos e electrónicos e a adaptación ás directrices europeas.
Por o 21/05/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Vigo
A DEPO recibe 2 millóns de euros dos fondos europeos para proxecto transfronteirizo de xestión de residuos

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou hoxe en rolda de prensa, da aprobación por  parte da Unión Europea dunha nova achega de máis de dous millóns de euros, que permitirá a posta en marcha dunha estratexia transfronteiriza para a xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE). Este programa ten por  obxectivo a mellora da protección ambiental e o fomento de tecnoloxías innovadoras na xestión dos recursos, xerando sinerxías entorno á reciclaxe.

Trátase, en palabras de Carmela Silva, dun proxecto “que pretende dar un salto cualitativo” na xestión ambiental e na adaptación á estratexia europea 2020 no ámbito da protección dos recursos naturais e eficiencia na xestión dos recursos. E, nese aspecto, a presidenta amosou a súa satisfacción por ter acadado estes novos fondos europeos “máis tendo en conta que se realiza en colaboración con Portugal, o que nos permite que o espazo tranfronteirizo  Provincia de Pontevedra- Norte de Portugal lidere medidas de protección do medio ambiente.”

A presidenta da Deputación fixo ademais un chamamento para que  todos os concellos da provincia se sumen  a este programa de xeito que se poida por en marcha unha estratexia conxunta de mellora de todos os puntos limpos e impulso de plans de negocio relacionados coa reciclaxe.

Segundo informou Silva, este programa pretende implantar melloras no sistema municipal de recollida dos concellos e a adecuación dos puntos limpos á Directiva Europea , de xeito que se garanta un correcto almacenamento dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos.

O programa tamén ten por obxectivo a posta en marcha de mecanismos para unha mellor identificación das categorías dos residuos que sexan susceptibles de ser reciclados, a creación dun procedemento de acceso aos centros de preparación para a reutilización dos residuos e tamén a monitorización e análise do estado actual da reutilización que se está a facer. Por último, tamén se crearán  novos protocolos e un plan de negocio para a xestión destes refugallos.

Nesta ocasión, a Deputación de Pontevedra actuará como socia líder do proxecto, no que tamén participan outros catro socios españois e dous portugueses, todos eles con ampla experiencia no sector da reciclaxe e da innovación tecnolóxica. Así forman parte desta iniciativa internacional a empresa porriñesa Revertia, experta na xestión de residuos e impulsa acción de responsabilidade social corporativa; o centro tecnolóxico con sé en Vigo, EnergyLab, que estuda e impulsa a eficiencia e sostibilidade enerxética; ERP España; LIRSA; e as portuguesas ERP Portugal e LIPORT.

Estes fondos da Unión Europea súmanse aos tres proxectos anteriores aprobados por Europa para este goberno, cun orzamento total que supera os sete millóns e medio de euros. Así ata agora, a Deputación provincial puxo en marcha, grazas á financiación europea, o proxecto IN 4.0″, para o impulso  da dinamización e competitividade da industria naval; o SMART MiÑO, para o impulso de estratexias de cooperación intelixente no Río Miño Transfronteirizo, e o VISIT RIO MINHO, para a preservación e valorización deste mesmo río.