A DEPO recibe os primeiros acopios de sal para protexer as estradas das xeadas e a neve

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que esta semana estivo activado o protocolo por frío e se realizaron máis de medio cento de actuacións preventivas.
Publicado por o día 02/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A DEPO recibe os primeiros acopios de sal para protexer as estradas das xeadas e a neve

Os parques provinciais de maquinaria da Deputación de Pontevedra veñen de facer os primeiros acopios de sal para protexer a rede de estradas provinciais das xeadas e da neve nesta semana. Ademais, as brigadas de mantemento xa esparexeron parte da salmuera nos últimos días, cando se activou o protocolo de frío por parte do departamento de Mobilidade a causa das baixas temperaturas.

En total, distribuíronse 65 toneladas de sal das que 18 foron para o parque de Ponteareas, cinco para o de Gondomar, doce para o parque de Pontevedra, outras 12 para Codeseda e 18 para o parque de Lalín. Estes primeiros lotes ampliaranse cos contratos necesarios nas vindeiras semanas, en función do uso e da climatoloxía.

Nesta semana, segundo apuntou o deputado de Mobilidade, activouse o protocolo de frío e realizáronse actuacións preventivas en máis de medio cento de estradas durante o mércores e o xoves. Realizáronse percorridos esparexendo sal tanto a primeira hora da mañá como a última da tarde nos puntos máis conflitivos, sombríos e húmidos, para evitar as placas de xeo na calzada e garantir, na medida do posible, a seguranza viaria aos veciños e veciñas que teñen que utilizar o coche. Ademais dos traballos de prevención, as brigadas de mantemento estarán alerta nos vindeiros días para atender calquera emerxencia ou chamada do 112. “Como xa é habitual espallarase sal principalmente nas estradas que poden ser máis problemáticas pola súa localización, xa que tradicionalmente cando a temperatura baixa son as que máis incidentes sofren, sobre todo nas comarcas do Tabeirós, Deza e o Condado-Paradanta e no interior da provincia”, subliñou Benítez.

Algunas das estradas nas que se esparexeu sal foron as da zona do Deza Tabeirós. No Concello de Lalín, a estrada de Lalín-Botos- Gresande, a de Prado-Vilatuxe; en Dozón a vía Castro-Dozón- Irixo e Castro-Dozón- Saa-Rocha; en Rodeiro as brigadas foron a Rodeiro-Vilela, Rodeiro-Oseira, Negrelos-Pedroso, Portela-Antas de Ulla e Portela- Pescoso. No Tabeirós, en A Estrada actuouse na vía entre A Estrada-Forcarei; en Cerdedo en Cerdedo-A Portela, Cerdedo-Castro- Ireza e Cerdedo-Santo Domingo; en Forcarei en Cachafeiro-Silleda, Pereira-Aciveiro- Ramal Convento, Soutelo-Covas e Soutelo-Ratel.

Na zona sur, en A Cañiza actouse nas vías A Franqueira-Cebreiro, A Cañiza-Arbo, A Cañiza-Crecente; en Covelo en Lamosa-Franqueira- Achas; en Vigo na estrada Calvario-Garrrida; e en Mos en Louredo-Peinador.

No Salnés as brigadas estiveron na estrada San Martiño-Armenteira (Meis), Coirón- Ribadumia-Leiro (Ribadumia), e Sanxenxo-Meaño (Sanxenxo). Na zona centro foi preciso acudir a Portela-Valiñas- Portass e Curro-Portela.

A chuvia miúda que caeu esta mañá fixo que no día de hoxe non fora necesario facer máis distribución de sal, sempre pendentes as brigadas da situación das estradas e do frío que chegase pola noite. Segundo destacou Benítez, a maquinaria específica para o reparto da sal está plenamente operativa e todos os esparcidores están montados nos camións correspondentes dos diferentes parques base das brigadas.