A DEPO reúne na “Faculta da Compostaxe” aos expertos internacionais sobre o compost

Participarán como relatores o ideólogo do modelo austríaco de compostaxe, Florian Amlinger, e o italiano Michele Giavini, técnico director do plan de compostaxe do Norte de Italia.
Por o 13/05/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Vigo
A DEPO reúne na “Faculta da Compostaxe” aos expertos internacionais sobre o compost
Compartir en:

A Deputación de Pontevedra reunirá esta semana na ‘Facultade da Compostaxe’ aos expertos internacionais de máis renome na actualidade sobre o tratamento do lixo orgánico e o compost: o ideólogo e fundador do chamado ‘modelo austríaco’, Florian Amlinger, e o técnico director de compostaxe de todo o Norte de Italia, Michele Giavini.

Ambos impartirán leccións maxistrais aos 20 aspirantes a mestres e mestras composteiras do Plan Revitaliza da Deputación, na que se pode considerar como a semana de maior nivel docente de todo o curso de formación.

Florian Amlinger é un enxeñeiro austríaco de grande currículo que ten publicado moi diferentes publicacións científicas. Xunto con outros colegas considérase o pai e ideólogo do modelo austríaco de compostaxe, no que se inspira o Plan Revitaliza de compostaxe da Deputación, que aposta polo tratamento in situ dos residuos orgánicos a través de composteiros individuais e centros de compostaxe comunitarios. O elemento distintivo do modelo austríaco, no que a Deputación tamén quere traballar, é o feito de que no país austríaco rexéitase a creación de infraestruturas de nova creación para tratar aqueles residuos que non poden ser compostados nin en centros individuais nin en centros colectivos. A solución aportada para dar saída ao lixo orgánico de grandes núcleos poboacionais pasa por chegar a acordos con empresas do sector agropecuario.

Segundo explicará –moito máis tecnicamente- Amlinger no curso de formación, en Austria as empresas agropecuarias cumplen escrupulosamente a lexislación europea en relación ao tratamento dos residuos que xeran (xa sexa gandeiría, agricultura…), responsabilizándose de que todos os desperdicios producidos sexan xestionados de forma autónoma. Aproveitando a existencia desas empresas e das súas plantas de tratamento específicas, os gobernos locais derivan a elas os residuos orgánicos municipais a cambio dun canon ou doutro tipo de acordo económico. Afórrase así a necesidade de crear novas plantas de tratamento específicas para o lixo municipal, a tramitación administrativa que supón, así como o posible rexeitamento veciñal por novas instalacións vencelladas co lixo.

Por outra banda, estará tamén na ‘Facultade de compostaxe’ o italiano Michele Giavini, técnico responsable da dirección do plan de compostaxe de todo o norte de Italia, sendo a cidade de Milan o núcleo con maior densidade de habitantes que se rexe polo tratamento dos residuos orgánicos de forma individualizada.

Así mesmo, tamén estarán en Pontevedra esta semana –na que se celebra o Día Mundial da Reciclaxe o 17 de maio- o director da Axencia de Residuos de Cataluña e enxeñeiro agrónomo Francesc Giró; o técnico fundador da axencia de estudos ambientais e residuos ‘Spora’ Frederic Puig, e o técnico de residuos do Concello de Usurbil Ibon Goikoetxea, cuxo municipio ten os mellores datos de reciclaxe de todo o estado español e practicamente de Europa.