A DEPO traballa no soterramento das liñas eléctricas e de teléfono no Santuario da Franqueira

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez asegura que a previsión é que os traballos de mellora na zona estean finalizados a finais de agosto.
Publicado por o día 07/07/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A DEPO traballa no soterramento das liñas eléctricas e de teléfono no Santuario da Franqueira

A Deputación de Pontevedra está a traballar xa na mellora do contorno do santuario da Franqueira en A Cañiza. Nos últimos días, logo de finalizar as catas arqueolóxicas esixidas por Patrimonio, os operarios da empresa Narom SL comezaron a levantar os pavimentos das beirarrúas e iniciaron os traballos para soterrar as liñas eléctricas e de telefonía para que, de cara á romería do 9 de setembro, as obras estean totalmente finalizadas e o contorno do Santuario poida lucir a súa nova imaxe.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, despois das Pascuillas do 5 de xuño comezáronse os traballos esixidos por Patrimonio -as catas nas inmediacións do santuario e nas neveiras situadas nas inmediacións do parque eólico-, así como a limpeza de maleza nas propias neveiras e no cemiterio vello. Nesta semana procedeuse ao picado do chan no contorno do santuario e mantívose unha reunión técnica con responsables de Fenosa para pechar un cronograma de actuacións e concretar onde se van instalar os puntos de enganche e acometidas no propio terreo.

Nos vindeiros días continuarase coa demolición dos elementos asfálticos e, unha vez feitas as canalizacións de liñas, instalarase o novo pavimento na rúa principal anexa ao santuario, de pedra de San Martiño e cantos rodados –en cores negra, marrón e branca- que se dispoñerán facendo círculos e creando un espazo singular. Tamén se realizará o vaciado das neveiras e o seu acondicionamento, así como o seu valado exterior por seguridade con madeira tratada (xa que teñen unha profundidade de alomenos 5 metros). Tamén se instalará o novo pavimento –que agora está en terra- do cemiterio vello.

Esta ‘actuación singular’, deseñada por unha asistencia técnica contratada polo anterior goberno provincial, fora aprobada polo Concello e adxudicada a finais de 2015 por 251.115,73 eros. O novo executivo iniciou a tramitación da autorización de Patrimonio, que non fora xestionada con anterioridade e que chegou de forma definitiva o 22 de maio deste ano 2017. Con anterioridade, en marzo de 2016 o departamento de Mobilidade dera orde para que se realizara unha parte da actuación (a mellora duns treitos e camiños de acceso) que, pola súa localización e ao non afectar a elementos protexidos, non precisaba de autorización autonómica de Patrimonio.

O deputado Uxío Benítez lamentou en diferentes ocasións “herdar do anterior goberno provincial unha obra que non tiña os permisos necesarios” e indicou que “dende logo nós non imos iniciar ningún tipo de actuación que sexa ilegal” polo que se agardou o tempo que sexa preciso ata que o proxecto tivese o visto bo das administracións implicadas, en referencia a Patrimonio, que non deu vía libre ata o pasado mes de maio. Entón decidiuse executar as obras entre as dúas celebracións máis importantes que acolle o santuario.