O deporte feminino brilla en Mos

Esta tarde o Concello celebrou recepcións de recoñecemento á montañeira Verónica Romero e ás xogadoras da U.D. Mos
Publicado por o día 29/05/2017 na sección de Deportes,Galicia,Mos,Vigo

O deporte feminino brilla en Mos

Esta tarde celebráronse no Concello de Mos as recepcións ás deportistas Verónica Romero Rivero, en recoñecemento pola súa exitosa expedición ao Glaciar Barnes en Canadá xunto a Chus Lago, e xogadoras do equipo de fútbol Unión Deportiva Mos Feminino, en recoñecemento pola súa victoria na Liga 2ª Galega Feminina e o seu ascenso a 1ª Galega.

Nos actos estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, Verónica Romero Rivero, montañeira mosense, e o seu adestrador, o olímpico Carlos Adán (que competiu en 10.000 metros atletismo en Barcelona 92), Pablo Serodio, presidente da Unión Deportiva Mos, Enrique González, vicepresidente da Unión Deportiva Mos, Telmo González, adestrador do U.D. Mos Feminino e demais membros da Corporación Municipal mosense.

Tratáronse ambos de eventos moi volcados na igualdade no deporte e o fomento da mema, xa que tanto Verónica Romero coma as xogadoras do Mos veñen de demostrar que as mulleres tamén poden acadar retos antes só concebidos para homes, e que son quen de chegar a calquera lugar con tanta capacidade como calquera individuo do xénero oposto.

Verónica Romero realizou unha expedición dun mes, que incluiu 18 días de travesía polo casquete polar de Barnes, durante os que ela e a xefa da expedición, Chus Lago, e a terceira integrante da mesma, a granadina Rocío García, realizaban unha media de 12 quilómetros ao día.

Romero nunca antes se adicara á montaña, a súa disciplina era o atletismo e fai dous anos Lago propúxolle participar nun proxecto polar formado só por mulleres.

Aquel proxecto comezou en febreiro de 2016 cunha primeira expedición aos lagos xeados de Laponia en Finlandia e deu paso a esta segunda expedición polo casquete polar de Barnes. Explica Vero Romero que “a de Barnes foi unha expedición moi dura por tratarse dunha zona de moi difícil acceso e sen explorar”. Tardaron tres días en motos de neve dende o último lugar poboado ata o inicio da travesía a pé e ao comezo estiveron enfermas durante un tempo no que Romero pensou incluso en abandoar.

A mosense describe o casquete polar de Barnes como “un lugar espectacular, pero inhumano, a vida alí non é posible”. E é que durante os 18 días de travesía a pé as temperaturas oscilaron entre os -20º centígrados de máxima e os -38º de mínima.

Ao sexto día de travesía sufriron un temporal de vento e neve moi forte que as obrigou a permanecer 72 horas dentro da tenda coa angustia da certidume de saber que o rescate alí non é posible.

Asegura Verónica que chegou durante a expedición ao seu límite físico e psicolóxico, pero que a medida que avanzaban os días a experiencia facíase cada vez máis emocionante, coa guinda final de contemplar durante os dous últimos días un ceo azul que non puideran ver antes por mor da néboa. A deportista mosense destaca o papel da montañeira viguesa Chus Lago, “sempre dirixindo a expedición. Ir con ela é un seguro de vida”, di.

Como anécdota Romero conta que a última noite no casquete pernoctaron moi preto dun oso sin sabelo, ata que a mañá seguinte repararon nas pegadas do animal.

Verónica Romero era a encargada durante a expedición de grabar e fotografar os recursos gráficos, polo que sufriu conxelacións nun lado da cara e nas mans; ato ter que levalas descubertas máis tempo para poder desenvolver o seu labor.

A expedición a Barnes forma parte do proxecto ‘Mil quilómetros sobre o xeo’ que inclúe a primeira expedición a Laponia antes mencionada, esta última ao casquete polar de Barnes en Canadá e unha terceira, de máis envergadura aínda, de 700 quilómetros por Groenlandia que se celebrará nas mesmas datas que a deste ano pero no 2018. Este proxecto ten dous obxectivos fundamentais que son alertar sobre o cambio climático e a súa repercusión no medio ambiente e concienciar sobre o deporte feminino e a igualdade na práctica deportiva. Lago, Romero e García están a traballar nun documental para proxectar nos colexios e son o primeiro equipo feminino do mundo que logrou cruzar o casquete de Barnes.

Natural da parroquia mosense de Sanguiñeda, Verónica Romero é de profesión florista e ten unha filla de 11 anos de idade que se sinte, como non podía ser doutro xeito, moi orgullosa da súa nai. Vero adica media xornada diaria aos seus adestramentos e coida moito a súa alimentación para manter unha complexión forte e poder acadar unhas metas que a moitos nos parecerán sobrehumanas e dignas dunha auténtica súper heroína.

Pola súa banda, as rapazas do equipo feminino da Unión Deportiva Mos veñen de gañar, da man do seu adestrador Telmo González, a Liga e ascender de 2ª Categoría de Galicia a 1ª Galega, polo que a vindeira tempada xogarán na máxima competición da Comunidade Autónoma.

Este foi o primeiro ano que competiron en Fútbol 11, xa que anteriormente facíano en Fútbol 7. Este proxecto futbolístico feminino naceu fai catro tempadas en Fútbol 7, e pouco a pouco foi consolidándose. Trátase dunha plantilla integrada por xogadoras xóvenes da canteira e outras máis experimentadas, o rango de idades vai dende os 15 ata os 30 anos de idade. O seu obxectivo para o ano que ven é consolidarse na nova categoría e que o proxecto siga crecendo. Manterse e facelo o mellor posible é a súa meta.

O presidente da U.D. Mos, Pablo Serodio, comentaba esta tarde que “parte do éxito destas xogadoras é grazas á axuda recibida dende o clube, o Concello e algún apoio privado tamén, que están especialmente comprometidos co fútbol feminino porque consideramos de vital importancia o fomento da igualdade no deporte”.

A capitana do equipo é Yolanda Lago, que xoga de lateral dereito e é natural e veciña de Mos. No U.D. Mos Feminino hai xogadoras de varios municipios da provincia tales coma Mos, Redondela, Vigo, Cangas, Ponteareas e O Porriño. Entre elas son unha piña e destacan sobre todo o bo ambiente do equipo, que motiva que permanezan nel e, algunas delas, se despracen longas distancias para vir a adestrar ao mosense Campo de Fútbol das Baloutas.