Deporte, festas, romaría, exposición e visitas guiadas son os pratos fortes desta fin de semana na Guarda

Publicado por o día 20/09/2018 na sección de A Guarda,Galicia

Deporte, festas, romaría, exposición e visitas guiadas son os pratos fortes desta fin de semana na Guarda

Nova fin de semana cunha ampla oferta de actividades no Concello da Guarda, por unha banda as Festas das Mercedes, que nesta edición celebran o seu centenario, contará coa XXXI Festa da Zorza, concursos de repostería e tortillas, así coma numerosas actuacións musicais e noites de verbenas. Tamén salientar a inauguración da Exposición das Marcas dos Mariñeiros este sábado ás 19:00h na Casa dos Alonsos, a Romaría de Santa Trega o vindeiro Domingo ou a celebración da proba deportiva conxuntamente con Caminha «Grande Trail Serra d´Arga».

Venres 21 de setembro:

Na programación do Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste venres, a XXXI Festa da Zorza a partires das 18:00h da tarde coa animación do grupo de gaitas A Boalleira, fin de festa co DJ Guille e unha gran queimada popular.

Tamén este venres día 21 de setembro celebrarase a proba Grande Trail Serra D´Arga Sunset, cunha distancia de 13km, os participantes realizarán a travesía no transbordador Ferry Boat ata A Guarda ás 19:30h, para saír ás 20:00h dende a marxe galega do Río Miño e percorrer os 13km da proba polo Monte Santa Trega, onde os participantes gozarán das especiais e singulares vistas cun «sunset» ou solpor máxico.

Sábado 22 de setembro:

Na programación do Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste sábado, a partires das 17:00h, o concurso degustación de repostería e tortillas, seguido dunha gran verbena a partires das 21:00h coa orquestra La Torre e o grupo Ritmo Latino.

Durante a xornada deste sábado realizaranse 3 visitas guiadas ao Monte Santa Trega, ás 11:30h con saída do Castro e ás 12:30h e 17:00h con saída dende o Museo Arqueolóxico de Santa Trega(MASAT).

A Exposición das Marcas dos Pescadores de Póvoa de Varzím e da Guarda inaugúrase este sábado día 22 de setembro ás 19:00h na Casa dos Alonsos da Guarda. Despois dunha breve explicación sobre os diferentes contidos desta exposición, realizarase unha tertulia, dirixida por Agustín Ferreira Lourenzo. A exposición recolle unha mostra fotográfica, de aparellos de pesca, artigos e escritos sobre a historia do mar e dos seus pescadores.

Na xornada do sábado 22 de setembro terá lugar a proba Grande Trail Serra D´Arga Aventura, cun total de 80 km e que terá saída dende A Guarda ás 7:00h da mañá, cun percorrido polo Monte de Santa Trega e continuará por terras de Caminha. A entrega de premios realizarase ás 18:30h en Dem(Caminha).

Domingo 23 de setembro:

Na programación do Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste domingo, ás 10:00h pasarrúas a cargo do Trebón dos Xidos, ás 17:00h actuación do Rancho Folclórico Os Camponeses Minhotos de Cerdal(Valença do Minho), e ás 21:00h verbena na zona da fontebieita coas orquestras Olympus e o grupo Magical.

Enmarcado na Romaría de Santa Trega, dende primeira hora da mañá a Capela de Santa Trega acolle varias misas ás 8, 9 e 10 da mañá e ás 11:00h Sermón e Solemne Procesión.

Tralo remate dos actos relixiosos celébranse as tradicionais poxas de produtos típicos, cunha monumental tarta que sempre agocha algún gran premio no seu interior.

Durante a xornada deste domingo non se realizarán as visitas guiadas por mor da celebración da Romaría de Santa Trega.

Luns 24 de setembro:

Na programación do Centenario das Festas das Mercedes, destacan na xornada deste Luns(festivo local), de 17:00h a 19:00h xornada de xogos tradicionais e deporte na rúa para todas as idades na Praza dos Seixiños e a partires das 19:30h actuación do grupo folk Pelepau e tirada de fogos de luces para rematar a festa.

Nota: O Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz permanecerá pechado ata novo aviso, pero manterase o horario de apertura do espazo público do Castelo de Santa Cruz(Horario: de 10:00h a 21:00h)