A Deputación abre ao uso a variante da EP-5002 e a nova ponte sobre o ría Deva na Cañiza

A presidenta Carmela Silva asegurou que “era unha obriga fundamental” facer a nova infraestrutura polo mal estado do vello viaduto.
Publicado por o día 02/12/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo

A Deputación abre ao uso a variante da EP-5002 e a nova ponte sobre o ría Deva na Cañiza

O Deputación de Pontevedra abriu hoxe ao tráfico oficialmente a variante da estrada provincial EP-5002 e a nova ponte sobre o río Deva en A Cañiza financiadas integramente pola institución provincial. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, o responsable provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e o alcalde Miguel Domínguez, retiraron simbolicamente as vallas de obra para que os vehículos poidan utilizar xa o novo treito de estrada e non teñan que pasar polo viaduto románico.

Silva sinalou que unha das obrigas das deputacións é ter unha especial sensibilidade cos concellos de menos de 20.000 habitantes, e garantir que os servizos, dereitos e tamén as infraestruturas e equipamentos estean a altura de permitir que o contorno máis rural siga estando poboado. Por ese motivo subliñou que “ter feito esta variante é unha moi boa idea. É un proxecto que vén do goberno anterior e non hai problema en recoñecer cuestións que no pasado se planificaron ben, porque esta variante era unha obriga que había que facer si ou si. Como presidenta da Deputación estou encantada de facer público este investimento porque era fundamental”, asegurou.

Pola súa banda, o deputado de Mobilidade, departamento do que dependeu a obra, explicou que o novo goberno viuse obrigado a modificar o proxecto herdado da anterior Corporación pola súa afección ao río Deva e que eses cambios demoraron as obras. En calquera caso, Benítez destacou que a nova variante mellora a estrada de comunicación co santuario da Franqueira e resolve problemas de tráfico ao instalar unha glorieta na confluencia de dúas estradas provinciais -a mencionada do santuario

con outra intermunicipal que conecta con Arbo-. “O obxectivo máis importante, en calquera caso, era conseguir que a antiga ponte histórica do río Deva quedase liberada de todo tráfico, xa que estaba en perigo polo continuo paso de coches e vehículos pesados”, subliñou.

Neste sentido, o deputado manifestou que “é unha pena” que o proxecto inicial non tivera contemplado a recuperación da vella ponte románica, deixando a porta aberta a unha futura restauración. “Estamos estudando a posibilidade de facer un proxecto de recuperación da ponte e do seu contorno, que se conserva en bastante bo estado e da pé a que poidamos poñelo en valor e facer aí un núcleo para o disfrute das persoas, xa que acabamos de retirar o tráfico”, indicou. A propia presidenta subliñou que a intención do goberno provincial é facer un esforzo para asinar un convenio co alcalde.

O rexedor, pola súa banda, afirmou que “o importante hoxe é que a variante está feita e que os usuarios, non só da parroquia de Achas, senón tamén os da Franqueira e os de Parada, todos os que circulan pola estrada, van deixar de pasar pola ponte románica do río Deva. É un avance para todos nós sobre todo en aras de protexer ese patrimonio que está nun estado de perigo constante”. Así mesmo, Domínguez manifestou o seu agradecemento polo feito de que dende a Deputación se teña recollida a petición de mellora da contorna do vello viaduto.

Cambio de deseño

As obras, financiadas pola Deputación na súa integridade, tiveron un orzamento de preto de medio millón de euros. Ademais do novo viaduto (que ten unha lonxitude de 25 metros e 6 metros de altura sobre o caudal do río), a actuación complétase cunha nova estrada de máis de 660 metros de lonxitude que sirve de variante á vella EP-5002 entre As Achas e A Cañiza, que facilitará o tránsito cara a estrada da Franqueira, coa que se une a través dunha nova glorieta de 10,5 metros de radio.

A actuación foi adxudicada en febreiro de 2015 á empresa Atlántica de Construcción e Medio Ambiente, se ben ata maio deste ano 2016 non se puideron iniciar as obras pola ausencia de diferentes permisos de Patrimonio e da Confederación Hidrográfica que tiveron que ser solicitados polo novo goberno da Deputación. Foi necesario, ademais, refacer o proxecto da ponte e ampliar o orzamento de execución para dar cumprimento aos informes preceptivos.