A Deputación abre a convocatoria para o posto de Dirección do Servizo Provincial de Mobilidade

O deputado da área, Uxío Benítez, subliña o reto de traballar promovendo criterios técnicos e non políticos nas actuacións na rede viaria da provincia.
Publicado por o día 28/11/2016 na sección de Deputación de Pontevedra,Emprego,Vigo

A Deputación abre a convocatoria para o posto de Dirección do Servizo Provincial de Mobilidade

A Deputación de Pontevedra vén de abrir a convocatoria para cubrir o posto de dirección da área provincial de Mobilidade. Dende hoxe e durante 15 días hábiles os aspirantes poden presentar as súas solicitudes, que deben ir acompañadas dun proxecto de dirección e organización para o servizo. Segundo destaca o deputado Uxío Benítez, a intención ao cubrir esta praza é “traballar promovendo criterios técnicos e non políticos nas actuacións na rede viaria da provincia”.

A convocatoria, publicada no BOPPO o pasado venres, establece que os aspirantes deben ter a condición de funcionario de carreira ou laboral fixo das administracións públicas do grupo A1, estar en posesión do título de enxeñeiro de camiños ou arquitecto, ou ben ter experiencia profesional acreditada de cinco anos nas administracións públicas coa categoría correspondente.

A selección realizarase seguindo principios de mérito e capacidade e criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia. Así, valorarase ter exercido funcións de dirección, xerencia ou coordinación de servizos de infraestruturas ou mobilidade nas administracións durante un periodo de dous ano ou ter desempeñado funcións de xestión ou asesoramento. Finalmente, para cubrir a praza terase moi en conta o proxecto de proposto para levar adiante a dirección e organización do Servizo de Mobilidade, tendo en conta os seus efectivos (Parque de Maquinaria, brigadas de mantemento, servizos adminsitrativos), a estrutura actual da área, e as súas funcións.

Segundo queda establecido, no exercicio do cargo, a nova directora ou director de Mobilidade quedará sometido aos principios de interese xeral, integridade (sen incorrer en risco de conflitos de intereses), obxectividade (tomando decisións á marxe de posición persoais, familiares, corporativas ou doutra índole), transparencia e responsabilidade, e austeridade (xestionando os recursos públicos con eficiencia e racionalización do gasto).