Deputación, Concello e Xunta colocan mañá a primeira pedra da nova avenida de Tomiño

Asistirán a presidenta provincial e o deputado de Mobilidade, a alcaldesa e o xefe territorial de Infraestruturas
Por o 09/08/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra,Galicia,Tomiño,Xunta de Galicia

A Deputación de Pontevedra, o Concello de Tomiño e a Xunta de Galicia realizarán mañá a colocación da primeira pedra da nova avenida de Tomiño. No acto que dará arranque ás obras estarán presentes a presidenta provincial Carmela Silva, o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a alcaldesa Sandra González e o xefe territorial de Infraestruturas José Luis Díez Yáñez, así como responsables da empresa adxudicataria, Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA).

A xornada comezará ás 13.30 horas cun encontro dos representantes institucionais na Praza do Seixo, para despois desprazarse camiñando ata o lugar onde se instalará unha das novas glorietas da avenida (nas inmediacións da pastelaría ‘Flor y Nata’). Alí realizaranse os discursos e soterrarase unha cápsula do tempo.

O inicio das obras da avenida de Tomiño supón a materialización dun proxecto que o Concello levaba reclamando de xeito histórico e suporá a retirada do tráfico de paso do núcleo da vila na zona do Seixo. A nova vía enlazará polo sur coa estrada provincial EP-3102 e polo Norte coa PO-344 (rúa Gondomar), proporcionando unha saída natural á rúa da República Arxentina e, de forma complementaria, ao Camiño do Alivio e ao Camiño da Pedra cara o leste do núcleo. Tamén enlazará coa futura vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda.

O trazado da nova vía esténdese durante 1.318 metros. A sección é de 16 metros de largo medio, dos que 10 metros están dedicados a unha plataforma de dobre sentido de circulación e seis a unha senda peonil e ciclista pola marxe esquerda. Amais, o proxecto complétase mediante o deseño das interseccións co viario existente, incluíndo cinco glorietas.

O convenio entre as tres administracións implicadas na obra asinouse en agosto do pasado ano. Dende entón a Xunta de Galicia realizou as expropiacións correspondentes, orzamentadas en 933.219,98 euros. Unha vez realizado ese trámite, que rematou no mes de febreiro, foi a Deputación a que iniciou todos os trámites burocráticos para a contratación.  A obra será financiada con 2.351.163,26 euros investidos pola institución provincial e 261.240,36 euros do Concello de Tomiño, facendo un total de 2.612.403,62 euros de orzamento de licitación.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.