A Deputación convida a coñecer e visitar as árbores senlleiras da provincia para celebrar día mundial da árbore

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro está a traballar na actualidade na clonación da coñecida ‘Figueira do Meco’ de O Grove, peza de máis de 100 anos de idade asociada a unha lenda de coñecida sona.
Publicado por o día 21/03/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Vigo
A Deputación convida a coñecer e visitar as árbores senlleiras da provincia para celebrar día mundial da árbore

A Deputación de Pontevedra, co gallo do Día Mundial da Árbore e da celebración do Ano do Patrimonio este 2017, quere convidar á cidadanía a coñecer e visitar o grande patrimonio natural de árbores senlleiras que hai na provincia. Segundo subliñou a deputada delegada da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Eva Vilaverde, “o Día da Árbore é a perfecta desculpa para visitar calquera das árbores senlleiras que existen na provincia, un exemplo máis do espectacular patrimonio natural que temos en Galiza. En calquera recuncho da nosa aldea, vila ou cidade, podemos atopar exemplares, catalogados ou non,  dun excepcional valor ambiental, histórico, cultural ou científico doado de percibir se somos quen de pararnos tan só un momento a observar. Ás veces non é necesario facer moitos quilómetros para disfrutar do extraordinario, senón todo o contrario: parar  simplemente un intre”.

O catálogo de árbores senlleiras da provincia está formado por 47 pezas e nove formacións arbóreas que son consideradas ‘reliquias botánicas'. Todas elas, de 38 especies distintas, teñen un grande valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental e supoñen un legado que se mantén no tempo –ata 800 anos- tanto en zonas rurais como urbanas (parques, castelos, pazos, xardíns montes, fincas…), ou incluso en illas, como ocorre coa simbólica carreira de buxos de San Simón.

Son 22 os concellos da provincia que teñen no seu territorio algunha árbore recoñecida, sendo os máis destacados polo seu número o de Pontevedra (12 pezas), A Estrada (7), Redondela (6), Vilagarcía de Arousa (5) e Soutomaior (4). Pola súa antigüidade son relevantes a sobreira de Valboa de A Estrada, que ten unha idade estimada de 500 anos e chega a unha altura de máis de 20 metros; o buxal de Pazo de Oca (400 anos); a sobreira do Pazo de Valiñas (250-500 anos); o carballo da capela de Santa Margarida (500-800 anos) ou as oliveiras do cemiterio de Adina en Padron, cuns 250 anos aproximadamente.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) -dependente da Deputación- realiza o seguimento fitopatolóxico de moitas das pezas senlleiras da provincia e do resto de Galiza. A día de hoxe, os técnicos están a traballar na clonación da coñecida como “Figueira do Meco”, unha árbore de máis de 100 anos situada nunha fenda entre dous penedos do Monte da Siradella (O Grove). O proxecto, iniciado pola comunidade de montes San Martiño, é acadar tres réplicas e así manter unha coñecida lenda dos séculos XV e XVI.

Esta lenda, que ten como protagonista a un cura da vila de O Grove, foi recollida polo Pai Sarmiento e conta que o relixioso era un mullereiro, libertino e larpeiro que exercía o dereito de pernada. Esta situación levou a que un grupo de mulleres, según se conta, o aforcaran colgándoo da figueira do Monte Siradella. Dende entón a lenda di que a árbore dá figos vermellos que “levan a sangue do meco”.

Como a da ‘Figueira do Meco', cada árbore senlleira da provincia de Pontevedra ten a súa lenda e historia, motivo polo que a deputada Vilaverde insta a “celebrar o Día da Árbore e coñecer os exemplares que están máis preto do teu concello: son o noso patrimonio natural!”.