Deputación de Pontevedra e Concello de Moaña asinan o convenio para a recuperación do espazo público e mobilidade peonil no tramo Moaña-Coiro da EP-1104

Carmela Silva: “Este modelo é un exemplo de como hai que tratar as infraestruturas no século XXI porque as persoas son o primeiro”

De “obra espectacular”, “referente” e “exemplo de actuación” foi cualificado o proxecto da Deputación de Pontevedra para a recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 entre Moaña e Coiro, cuxo convenio foi asinado esta mañá entre a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos. Ambas mandatarias tiveron palabras de agradecemento ao anterior deputado Uxío Benítez, que iniciou este proxecto, e para os concelleiros Odilo Barreiro e Rodrigo Currás, que asistiron á sinatura, polo seu labor para conseguir as cesións necesarias dos terreos.

A presidenta, Carmela Silva, amosou o seu orgullo por ver como os recursos públicos, “que son recursos da xente”, van poder transformar a vila do Morrazo a través da recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil “neste tramo central da EP-1104 entre Moaña e Coiro”. Así, destacou que o proxecto “vai permitir que as persoas ciclistas e peóns teñan preponderancia, sexan a primeira prioridade e ocupen o espazo público como debe ser”. “Temos que apostar por facer pobos amables –asegurou a presidenta– porque a nosa veciñanza merece vivir con maior calidade, pero tamén porque nos visita moita xente e temos que amosar que somos unha referencia”. Deste xeito, para Carmela Silva a actuación “vai quedar espectacular, é un exemplo de como hai que tratar as infraestruturas provinciais, mudando o modelo vixente no século XX, no que os vehículos ocupaban todos os espazos públicos, por outro do século XXI. Nós –asegurou– levamos xa cinco años traballando no cambio de modelo e recuperando o espazo para as persoas. Estou segura que unha vez rematada a obra a xente reclamará actuacións similares que permitirán continuar transformando o concello de Moaña”.

Pola súa banda a alcaldesa, Leticia Santos, agradeceu a colaboración dos propietarios e propietarias así como o traballo da Asociación de Veciñas e Veciños de San Martiño no proceso de consecución das cesións. Santos amosouse “orgullosa do proxecto para a EP-1104 entre Moaña e Coiro, que será pioneiro no Morrazo, xa que non hai ningunha obra humanizada desta maneira”. Ao igual que a presidenta, mostrouse convencida de que “o mellor que se lle pode dar á veciñanza é un espazo público para que o gocen en liberdade e con autonomía”. Neste eido asegurou que con este son xa catro actuacións, en colaboración coa Deputación, para priorizar a mobilidade peonil en Moaña, ademais do proxecto enmarcado no Plan DepoRemse que permitirá unir Cangas e Moaña por unha vía alternativa tamén de preferencia peonil.

O proxecto para este tramo Moaña-Coiro, de case 600 metros, ten un orzamento de 690.000 euros financiados nun 80 % pola Deputación en un 20 % polo Concello. Está enmarcado no modelo de humanizacións con zonas de convivencia con preferencia peonil. De feito, dotarase a este tramo de sendas peonís/ciclistas e unha zona de convivencia con plataforma única de formigón pero con preferencia das persoas. A actuación suporá, ademais, a renovación dos firmes e pavimentos, a construción dunha drenaxe adecuada á vía, a construción de estruturas de contención onde sexa preciso, renovación total da iluminación (báculos, postes e luces Led), reposición dos peches e canalización subterránea das redes eléctrica e de telecomunicacións, e mobiliario urbano e xardinería.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario