Deputación de Pontevedra e CSIC colaboran nun estudo europeo para loitar contra a Trioza, a epidemia que ameaza aos cítricos a nivel mundial

Pola súa experiencia e instalacións, os laboratorios da Estación Fitopatolóixica de Areeiro criarán ao insecto para realizar ensaios de laboratorio e coñecer o seu comportamento

A Deputación de Pontevedra en colaboración co CSIC vén de asinar un convenio para impulsar un estudo científico co obxectivo de coñecer como actúa e se comporta a trioza ou psila africana para dar resposta e loitar contra o dano que lle está facendo aos cítricos a nivel mundial. A presidenta provincial, Carmela Silva, na videoconferencia coa vicepresidenta de Organización do CSIC, Rosina López-Alonso, puxo en valor o feito de que “Areeiro participe nesta investigación europea xunto co CSIC, xa que na Deputación temos moi claro que o mundo local ten que ter a opción de participar en cuestións globais como esta”

A presidenta remarcou a “relación tan directa co CSIC, que nos converte nunha provincia referente en canto a investigación, sobre todo relacionada co sector primario, moi relevante para nós”. Ao tempo, enxalzou a importancia do proxecto “moi interesante, que nos vai permitir participar nunha investigación na que están países da Unión Europa” para afondar nun problema que “afecta ao conxunto do planeta” e nos “vai situarnos no mundo con respostas fronte a estas cuestións. Temos un compromiso total– explicou a presidenta- coa Axenda 2030, que ten moito que ver con todo o que desenvolve o CSIC”. Neste eido, Silva situou ao centro de investigación como “imprescindible para o desenrolo do noso país” e enxalzou o esforzo por visibilizar ás mulleres na ciencia, xa que “conta con moita dirección feminina” no seu seo. Tamén recordou que “temos xa moitas vías de colaboración co CSIC” como os estudos que se están a realizar en canto ao patrimonio ou á análise da biodiversidade. Neste último caso a presidenta remarcou que “acabamos de vivir unha pandemia que ten moito que ver coa perda da biodiversidade e o planeta soamente vai ter futuro se somos capaces de mantelo nas condicións que debe estar, loitando con estas cuestións que teñen moito que ver co mundo global”.

Pola súa banda a vicepresidenta de Organización do CSIC, Rosina López-Alonso, fixo tamén fincapé na “colaboración intensa” entre ambas institucións que se ten materializado na sinatura de convenios relacionados coa biodiversidade e o patrimonio. No que respecta ao proxecto sobre a psila, López-Alonso destacou a experiencia “moi importante” de Areeiro con respecto ao insecto e amosou o desexo de que xordan “resultados moi interesantes para controlar as pragas que produce que poden ser moi negativas para os cítricos”.

O proxecto de investigación, enmarcado no programa Horizonte 2020 financiado pola Unión Europea pretende estudar o comportamento e evolución da psila africana, a súa presenza e distribución, para previr a enfermidade Huanglongbing (HLB, “enfermidade do dragón amarelo”, “greening” ou “exgreening”) considerada a principal ameaza dos cítricos como o limón, laranxa e mandarina a nivel mundial, e minimizar o seu impacto económico.

En concreto este estudio desenvolverase ao longo dun ano e ten unha dobre vertente: por unha banda criarase nas instalacións da Estación Fitopatolóxica do Areeiro o insecto para realizar ensaios de laboratorio e coñecer o seu comportamento e, por outra, analizarase tanto o seu ciclo de vida como as temperaturas máximas e mínimas que soporta, coa finalidade de determinar o seu desenvolvemento, distribución, bioloxía e fenoloxía para adaptar medidas para o seu control e contención. Trátase dunha investigación pioneira xa que, ata o momento, puxéronse en marcha programas e plans que non deron os froitos esperados, dispersándose a praga. Ademais, a través deste proxecto preténdese minimizar o impacto da HLB, a enfermidade máis grave dos cítricos, impedindo a súa extensión xa que produciría a morte e redución dos cítricos, con importantes perdas económicas e o encarecemento dos produtos.

En Europa, a trioza detectouse por vez primeira en 2002 nas Illas Canarias e en territorio continental europeo en 2014 na provincia de Pontevedra. De feito foi Areeiro quen por primeira vez publicou a súa detección. O insecto, moi sensible ao calor e ao clima seco, atopou nas Rías Baixas unhas condicións climáticas axeitadas para a súa supervivencia. Así, nestes momentos, trátase dunha praga regulada pola Unión Europea, que provoca a enfermidade do HLB, con deformacións nos brotes e follas dos cítricos, coloracións variadas nas froitas e deteriorando a súa calidade e sabor. Provoca tamén necroses o debilitamento da árbore, reducindo a calidade e cantidade da súa produción e chegando mesmo ata destruíla por completo.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario