A Deputación destina máis de medio millón de euros á contratación de 67 persoas

Catoira, Forcarei, Gondomar e O Grove son os catro concellos beneficiarios.
Publicado por o día 05/03/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Emprego,Vigo

A Deputación destina máis de medio millón de euros á contratación de 67 persoas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar este venres a sétima concesión de subvencións, nesta ocasión por un total de 526.719,25 €, no marco da liña 3, de emprego, do Plan Concellos 2017. Esta cantidade destinaráselles aos concellos de Catoira, Forcarei, Gondomar e O Grove para a contratación de 67 persoas.

Con estas sete achegas a institución provincial xa investiu en pouco máis dun mes un total de 6.865.700,15 €, o que representa 0 74,06 % da liña 3 do Plan Concellos 2017. A presidenta provincial mostrou a súa satisfacción “polo avanzada que está a concesión da liña 3 do Plan Concellos”, grazas á cal “a día de hoxe xa se crearon 898 postos de emprego en 49 concellos da provincia de Pontevedra”, que representarán a garantía e o mantemento dos diversos servizos municipais destas vilas.

En concreto, a Xunta de Goberno da institución provincial acaba de aprobar as seguintes achegas para estes catro concellos: Catoira recibirá 61.334,62 € para a contratación de 11 persoas; Forcarei, un total de 79.641,80 € destinados a 9 traballadoras e traballadores; Gondomar, outros 211.000,61 € para empregar 21 persoas; e O Grove recibirá 174.742,22 € para a contratación de 26 traballadoras e traballadores.

Este ano a achega total á liña 3 do Plan Concellos 2017 sitúase en 9.270.000 €. Esta cifra representa o 22,5 % da totalidade do Plan, que neste exercicio conta con 41,2 millóns de euros, o que se traduce nun 3% máis que o ano pasado.