Deputación e Concello de Vigo invisten máis de 600.000 euros para cubrir os patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro e convertelos en espazos seguros

Carmela Silva e Abel Caballero asinaron hoxe o convenio entre ambas administracións para mellorar a funcionalidade de ambas instalacións
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Concello de Vigo,Deputación de Pontevedra,Galicia,Vigo

Deputación e Concello de Vigo invisten máis de 600.000 euros para cubrir os patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro e convertelos en espazos seguros

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asinaron hoxe o convenio de colaboración entre ambas administracións que permitirá abordar a cubrición dos patios dos colexios Balaídos e Pintor Laxeiro. Estas actuacións, cuxo investimento ascende a 616.000 euros, converterán estes espazos en instalacións seguras para o xogo e a actividade sociocultural e permitirán deste xeito acadar unha importante mellora na súa funcionalidade.

Do citado investimento, a institución provincial achega 600.000 euros, mentres que o Concello aporta os restantes 16.000 euros. As actuacións previstas permitirán que os patios de ambos centros, situados á intemperie, consten dunha cuberta que permita a realización de actividades escolares e extraescolares a cuberto, garantindo ademais a seguridade e o cumprimento das normas de protección diante da Covid. A maiores, as novas infraestruturas dotarán á cidadanía dun espazo utilizable fóra do horario docente.

No caso do CEIP Balaídos, os traballos están presupostados en 420.000 euros. Neste colexio o proxecto contempla a cubrición da pista máis próxima á entrada. A cuberta estará soportada por columnas de formigón armado e rematada por perfís metálicos que soportarán chapas metálicas de tipo sándwich. O conxunto contará cunha moderna iluminación, rede de recollida de augas pluviais, reposición de pavimentos e mobiliario propio.

No CEIP Pintor Laxeiro o proxecto suporá un investimento de 196.000 euros. Neste centro vaise aproveitar o espazo aberto dispoñible para construír unha estrutura similar, soportada con columnas de formigón armado e rematada con chapa sandwich, aínda que cunha superficie curvada. Amais, o pavimento recibirá un tratamento con caucho continuo de absorción de impactos na zona de xogos. Tamén contará con iluminación propia, punto de rego e mobiliario.

Comentar noticia

Your email address will not be published.