A Deputación e o Instituto Cervantes de Lisboa abren liñas de colaboración para emprender proxectos en materia de turismo e cultura

Carmela Silva sinalou a visión conxunta das dúas institucións en canto á estratexia turística cos Camiños a Santiago como unha das súas liñas fundamentais.
Por o 10/05/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Vigo
A Deputación e o Instituto Cervantes de Lisboa abren liñas de colaboración para emprender proxectos en materia de turismo e cultura

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo hoxe un encontro co Director do Instituto Cervantes de Lisboa, Javier Rioyo, no cal ambas as dúas institucións adiantaron o seu compromiso polo desenvolvemento de liñas de colaboración mutua que permitirá desenvolver proxectos en materia tanto de turismo como de cultura.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra fixo balance da súa visita á capital de Portugal sinalando “a miña enorme satisfacción polo resultado de todos os encontros mantidos ao longo destes días, xa que tivemos unha moi boa acollida en todas as institucións coas que mantivemos xuntanzas”. Ademais, Carmela Silva salientou que “esta non foi unha visita que tivese como única finalidade a promoción turística do Destino Rías Baixas, senón que se estableceron proxectos concretos e accións que imos desenvolver con todas e cada unha destas institucións”.

Con este encontro, Carmela Silva pechou a súa axenda institucional na capital portuguesa con este encontro co director do Instituto Cervantes lisboeta, no cal se estableceron sinerxías de colaboración que permitirán á Deputación de Pontevedra e ao Instituto formular a curto e a medio prazo diversas accións, encontros, xornadas e outros proxectos de índole cultural e turística, enmarcadas estas últimas en cadansúa estratexia turística para a campaña 2017.

Dentro dos asuntos estritamente turísticos, Carmela Silva salientou que as diferentes rutas do Camiño a Santiago que percorren tanto o territorio portugués como as Rías Baixas son un obxectivo do Instituto Cervantes e tamén da Deputación de Pontevedra, de feito esta é unha das catro liñas fundamentais de acción da estratexia turística da campaña 2017 da institución provincial, “Rías Baixas. Moito por descubrir”.

Pola súa banda, Javier Rioyo asegurou ser “un namorado das Rías Baixas, cousa que podo afirmar con total seguridade xa que levo veraneando en Aldán, Cangas, dende hai máis de 20 anos” e salientou o seu “empeño, dende que cheguei á dirección do Instituto Cervantes de Lisboa, na necesidade de colaborar coa provincia de Pontevedra á hora de establecer proxectos comúns ligados ao Camiño portugués a Santiago de Compostela”.

O encontro que tivo lugar esta mañá serviu como un foro de intercambio no que Carmela Silva avanzou tamén no fortalecemento das relacións da Deputación de Pontevedra co país veciño, “que van ir moito máis aló da promoción turística”, asegurou a Presidenta provincial. Deste xeito, “nas vindeiras semanas e meses comezarán a desenvolverse as primeiras accións conxuntas”, sinalou Carmela Silva, “que tamén incluirán unha importante oferta en materia de Igualdade e que vai ser desenvolvida coa colaboración da Asociación de Mulleres Profesionais Españolas en Lisboa, AMPEL, así como das mulleres profesionais da provincia de Pontevedra”.