Coa premisa, tal e como destacou a presidenta Carmela Silva, de “sumar vontades e intelixencias e situar á igualdade como a grande referencia”, a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo veñen de asinar o segundo convenio da Cátedra de Feminismos 4.0. No acto de sinatura, no que participaron Silva e o reitor Manuel Reigosa, a presidenta avanzou que a cátedra centrarase no estudo “da posición das mulleres nas STEM, no mundo da innovación e da dixitalización, que presenta datos realmente alarmantes que implican que as mulleres estamos perdendo este tren e temos que tomar conciencia da situación”.
“Hoxe agrádame estar aquí, na Sala Rosalía de Castro, cando aínda temos a exposición do 8M, asinando este segundo convenio que propón actividades moi ambiciosas”, destacou Carmela Silva satisfeita tras asinar o convenio coa Universidade de Vigo, “porque as administracións temos que estar cada día máis cerca do coñecemento e o coñecemento radica nas universidades”. Neste eido, a presidenta provincial aproveitou a ocasión para enxalzar o papel do reitor e da Universidade de Vigo no ámbito da igualdade e do feminismo, recordando a súa recente incorporación á rede de Bibliotecas de Igualdade.
Pola súa banda o reitor Manuel Reigosa destacou que “temos moitos retos como sociedade, pero a igualdade é fundamental no século XXI”. Ao respecto, o reitor reivindicou a necesidade de que “universidade faga chegar a súa voz” a través da docencia, “con xente que saia das nosas aulas con conciencia de que a sociedade ten que ser feminista”, da investigación e da divulgación. Así, Reigosa destacou que “as tres ramas da universidade –docencia, investigación e divulgación- teñen que estar impregnadas de feminismo e esta cátedra nos vai permitir actuar como altofalante, creando conciencia e coñecemento do camiño que queda por percorrer”.
O novo convenio para o desenvolvemento da Cátedra de Feminismos 4.0 inclúe no marco da súa programación, tal e como detallou a presidenta provincial, o segundo workshop virtual “Sociedade dixital e xénero: hackeando o patriarcado”, que terá lugar en outubro con dúas conferencias, unha mesa redonda con catro expertas invitadas e dous obradoiros denominados “Wikimaratón feminista” e “Obradoiro virtual para identificar e combater machitroles. STOP Machitroles”. Tamén se impulsarán axudas á investigación, con bolsas dotadas con ata 6.000 euros para “incentivar a análise en cuestións que teñen que ver coa igualdade e a nosa posición”; convocaranse os premios GeekGirlsCovid, “moi axeitados neste momento de pandemia”; crearase un comité de sabias, “para que a xente saiba que hai sabias e hai que contar co seu coñecemento”; impulsarase un espazo web da propia cátedra aloxado nos dominios da Universidade de Vigo e da Deputación; así como farase difusión informativa de cuestións de actualidade e da produción científica da cátedra.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.