A Deputación encargará de forma inmediata a unha consultora un estudio exhaustivo, obxectivo e independente sobre as emerxencias na provincia

Publicado por o día 25/01/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación encargará de forma inmediata a unha consultora un estudio exhaustivo, obxectivo e independente sobre as emerxencias na provincia

O Goberno da Deputación Provincial de Pontevedra encargará de inmediato a unha consultora externa especializada un informe “obxectivo, rigoroso e independente” sobre a situación das emerxencias na provincia ante o cuestionamento expresado pola Xunta de Galicia do estudio do xerente do Consorcio provincial Contra Incendios.

O informe desta empresa especializada deberá “estudiar co máximo rigor a situación do actual mapa de emerxencias da provincia de Pontevedra, das súas necesidades, e de analizar con todo tipo de datos o modelo que quere aplicar o Goberno de Núñez Feijóo, dada a falta de contidos e datos obxectivos que ofrece ata o momento a proposta do executivo galego”. De feito, o Goberno de Carmela Silva solicita un estudio “o máis exhaustivo posible” sobre a cobertura que ofrecería o modelo que pretende a Xunta e sobre as zonas de sombra que afectarían a varios concellos da provincia, das que xa informou o informe realizado polo xerente do Consorcio Provincial Contra Incendios.

Ademais, o traballo encargado pola Deputación de Pontevedra a esta consultora especializada deberá incluír “un estudio económico en profundidade para coñecer os recursos que serían necesarios a fin de saber realmente se o modelo anunciado pola Xunta sería efectivo e daría unha solución obxectiva a actual problemática do mapa de emerxencias. Esa avaliación dos costes económicos reais deberá engadir a posible necesidade de novos recursos humanos, recursos  técnicos e materias, e de novos equipamentos.

Con esta medida o Goberno da Deputación quere despexar as dúbidas sobre a viabilidade do modelo que pretende a Xunta de Galicia para a provincia de Pontevedra, un anuncio que ata o momento “non vai máis aló dun simple enunciado xa que non presentou contido algún, nin informes que o avalíen técnica e economicamente”.

O executivo provincial agarda que o presidente da Xunta se reúna cos alcaldes de Vigo e Pontevedra para analizar a súa proposta de modificación do actual mapa de emerxencias, “un mapa que foi deseñado por Alfonso Rueda e Rafael Louzán e que o propio vicepresidente recoñece como un fracaso cando agora tenta formular con fume a súa modificación”.