A Deputación finaliza a rehabilitación integral de máis dun quilómetro da estrada provincial EP-8503 Cordeiro-Senín en Valga

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que nos vindeiros días acometerase o pintado da sinalización horizontal
Publicado por o día 13/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación finaliza a rehabilitación integral de máis dun quilómetro da estrada provincial EP-8503 Cordeiro-Senín en Valga

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten finalizados xa os traballos de rehabilitación integral do firme de máis dun quilómetro da estrada provincial EP-8503 entre Cordeiro e Senín, no Concello de Valga. O obxectivo da obra é mellorar a seguranza viaria, obxectivo prioritario da Estratexia de Mobilidade 3.0 do novo Goberno provincial e, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, só resta completar a actuación co pintado da sinalización horizontal tan pronto como a climatoloxía o permita.

A rehabilitación do firme realizouse nun treito de case 1.100 metros, entre os puntos quilométricos 2+735 e 3+825, treito no que quedara sen executar un proxecto de ensanche da calzada anunciado polo anterior Goberno provincial debido a que os terreos necesarios non estaban a disposición. Coa actuación do Departamento de Mobilidade actual os traballos consistiron no fresado do firme existente, na aplicación dunha rega de adherencia, a correspondente pavimentación, unha nova capa de material antiescorregadizo, e finalmente outra capa de rodaxe, para rematar coa sinalización horizontal.

O orzamento para facer estes traballos ascendeu a 23.787,73 euros e foi adxudicada á empresa Construcións Taboada y Ramos por 18.268 euros cun prazo de execución dun mes logo da acta de reformulación da obra. É preciso lembrar que este tipo de melloras e actuacións de mantemento dos firmes das estradas provinciais realizarase a partir deste ano a través dun novo contrato marco que permitirá axilizar as licitacións. En virtude dese acordo marco, a provincia dividirase en cinco zonas nas que cinco empresas diferentes serán as responsables da execución de todas e cada unha das obras necesarias en cada área. Na comarca do Salnés e Caldas o orzamento de 2018 para o mantemento de firmes das vías provinciais ascende a 699.868,86 euros.