A Deputación incrementa este ano en case cen mil euros as axudas ás cooperativas agrogandeiras e ás confrarías de pesca e marisqueo da provincia

O goberno de Carmela Silva aprobará este venres as bases para as subvencións, “seguimos cumprindo o noso compromiso de fomentar o apoio aos sectores produtivos”

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou hoxe en rolda de prensa que a Xunta de Goberno da institución provincial aprobará este venres as bases das subvencións ás confrarías e agrupacións de mariscadoras e as dirixidas a cooperativas agrogandeiras da provincia de Pontevedra para investimentos durante o 2018.

Así, entre as dúas liñas de subvencións, a Deputación de Pontevedra destinará un total de 440.000 euros ao sector primario da provincia. Nesta liña, a presidenta da institución provincial resaltou que “con estas axudas seguimos cumprindo cun compromiso que adquirimos cando tomamos posesión, que é o de fomentar o apoio aos sectores produtivos da nosa provincia” e que “aínda que non temos competencias a nivel económico consideramos que todas as administracións temos a obriga de promover os seus sectores produtivos, xa que o sector primario é o que garante que haxa actividade económica no mundo rural e no mariñeiro, é dicir, alí onde corremos o risco de despoboamento”.

En canto ás subvencións para as confrarías de pesca e asociacións de mariscadoras, Carmela Silva sinalou que “teñen un orzamento de 240.000 euros, o que supón un incremento de 40.000 respecto ao 2017” e tamén explicou que “con estas achegas queremos axudar a levar a cabo todas aquelas accións apoien as confrarías, a federación e as agrupacións de mariscadoras en proxectos e actuacións que teñan como obxecto: a comercialización e valorización das producións, a formación técnica e o asesoramento para o desenvolvemento da actividade das confrarías e a federación, a divulgación e posta en uso das novas tecnoloxías, as enerxías renovables e o aforro enerxético, material para a vixilancia das producións e investimentos para mellorar os servizos prestados.”

Poderán solicitar estas axudas as confrarías, a federación provincial e as agrupacións de mariscadoras da provincia de Pontevedra que estean legalmente constituídas e desenvolvan as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra. Sendo a porcentaxe subvencionable do orzamento de gastos financiables de entre o 20% e o 80%, sen prexuízo de que sexan compatibles con outras axudas recibidas doutros organismos.

Carmela Silva, sobre estas subvencións, tamén subliñou que “novamente a concesión establecerase a través de criterios claros e obxectivos tendo en conta o número de socias e socios, os postos de traballo derivados da axuda solicitada, o porcentaxe de mulleres que integren os órganos reitores da entidade solicitante, o adecuado cumprimento e xustificación de anteriores subvencións, a innovación do proxecto e o investimento en proxectos para mariscadoras.”

Sobre as bases reguladoras de subvencións dirixidas a cooperativas agrogandeiras para investimentos, a presidenta da Deputación de Pontevedra detallou que “contarán cun orzamento de 200.000 €, 50.000 € máis que o ano pasado”. A esta liña de subvencións poderán presentarse aquelas cooperativas agrogandeiras da provincia que estean legalmente constituídas e desenvolvan as súas actividades no ámbito territorial da provincia.

Silva detallou que “serán susceptibles de axuda todas aquelas accións destinadas á recuperación e posta en valor dos recursos agrarios endóxenos de carácter agrícola e gandeiro que teñan como obxecto a comercialización e valorización das producións; a formación técnica e asesoramento para o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación tecnolóxica; a posta en uso das novas tecnoloxías, enerxías renovables e aforro enerxético; e aqueles investimentos para mellorar os servizos prestados pola cooperativa ben para adquirir terreos para o aumento da base territorial das instalacións, ben para maquinaria ou obras, ben para adquirir equipos e sistemas informáticos”.

Para rematar, a Presidenta apuntou que “o prazo de solicitude dúas liñas de axudas será de 30 días naturais a partir do día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra”.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM