A Deputación investirá este ano 600.000 € para converter o castelo de Soutomaior nun referente de turismo familiar

Carmela Silva presentou as novas rutas de sendeirismo creadas no castelo de Soutomaior e anunciou investimentos de preto de 4 millóns de euros no recinto para os próximos dous anos.
Por o 16/02/2017 | Sección: Deputación de Pontevedra,Vigo
A Deputación investirá este ano 600.000 € para converter o castelo de Soutomaior nun referente de turismo familiar

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e do deputado provincial de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá as tres novas rutas de sendeirismo creadas no castelo de Soutomaior dentro do Plan de usos do edificio. No marco deste plan Silva anunciou un investimento de preto de 4 millóns de euros nos próximos dous anos, dos cales este ano a institución provincial achegará 600.000 € para, entre outras cuestións, a musealización do castelo de Soutomaior.

Carmela Silva manifestou que o obxectivo da Deputación de Pontevedra é o de “converter o castelo de Soutomaior nun referente turístico na provincia dirixido ao público familiar e, por iso, estamos a poñer en marcha actuacións coma as tres novas rutas de sendeirismo e outras moitas ligadas ao enoturismo, á camelia e á cultura, reeditando as visitas teatralizadas pero impulsando novas actividades como obras de teatro ou tardes de cinema ao aire libre”.

En concreto, esta mañá a presidenta da Deputación, acompañada do alcalde de Soutomaior e do deputado de Turismo, percorreu unha das tres novas rutas que a institución provincial puxo en marcha no recinto do Castelo e que abrangue preto de 5 quilómetros de percorrido.  A ruta que seguiron, denominada “das camelias”, ten 900 metros de distancia e discorre, tal e como asegurou Silva, “arredor do castelo, comezando na escalinata de acceso ao parque e bordeando as edificacións do Castelo, a carón das que se sitúan exemplares de camelias do século XIX e árbores singulares de Galicia, coma a sequoia, o falso ciprés de Lawson, un cedro xaponés e unha araucaria chilena”.

Xunto á Ruta das Camelias, a institución provincial puxo tamén en marcha dúas rutas circulares, denominadas Ruta da Fraga e Ruta dos viñedos. A primeira delas ten un percorrido de 2,1 quilómetros, que atravesan desde un pequeno regato ata lugares coma a capela de San Caetano, a cadeira da Raíña e bosques de castiñeiros e carballos. A segunda delas, cunha distancia de 1,9 quilómetros, permítelles ás persoas interesadas visitar as 3,5 hectáreas de viñedos Rías Baixas que existen, tal e como manifestou Carmela Silva, no parque do castelo.

Ao respecto destas actuacións o alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, agradeceu a “lealdade institucional sincera da Deputación de Pontevedra, que está a permitir poñer en valor o recinto do castelo de Soutomaior”, e amosou a súa “colaboración con todo o que ten que ver coa promoción turística deste recinto”.