A Deputación leva mañá ata Vilagarcía de Arousa a conferencia de Cristina Palacios no marco da mostra “Sorrisos transformadores”

“Sorrisos transformadores” poderá visitarse na Biblioteca Municipal de Vilagarcía de Arousa ata este sábado, 17 de febreiro
Publicado por o día 15/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación leva mañá ata Vilagarcía de Arousa a conferencia de Cristina Palacios no marco da mostra “Sorrisos transformadores”

A deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, asistirá mañá, 15 de febreiro, ás 11 horas na sala de conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, á charla que impartirá Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans* ARELAS, na que afondará sobre a situación do colectivo LGTBI, aportará a súa experiencia persoal e responderá ás dúbidas e cuestións que poidan xurdir.

A conferencia, á que están invitados o alumnado e profesorado dos IES do Concello de Vilagarcía de Arousa e o público xeral, está encadrada na mostra “Sorrisos Transformadores“, un proxecto fotográfico para a visibilización do colectivo LGTBI posto en marcha pola institución provincial en colaboración con ARELAS. Esta mostra, que abriu ao público na Biblioteca Municipal de Vilagarcía de Arousa o pasado 6 de febreiro, estará aberta ata o próximo sábado 17 de febreiro. Pódese visitar en horario de 9 a 21 horas ata o venres e o sábado de 9 a 14 horas.

Sorrisos Transformadores” é unha exposición itinerante que percorreu varios concellos da provincia e que consta de 10 imaxes nas que aparecen retratadas persoas alegres, orgullosas, que amosan unha parcela da súa vida que lles gusta. Cada fotografía está acompañada por un texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre a protagonista ou sobre a súa contorna. Entre as persoas retratadas inclúense persoas de referencia social, sexan ou non transexuais, pero si relacionadas coa realidade destas persoas  pola súa profesión e que axudan á hora de transmitir a súa mensaxe, como son especialistas da educación, do dereito, da política ou da psicoloxía.

As súas finalidades son as de, por unha banda, prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e, pola outra, combater o acoso escolar por estes dous motivos, favorecendo a visibilidade do alumnado LGTBI e a plena normalidade das orientacións sexuais e identidades de xénero. A este respecto, a campaña compleméntase cunha oferta de charlas informativas, como a que terá lugar mañá en Vilagarcía de Arousa, destinadas á comunidade escolar.