A Deputación organiza mañá un blogtrip polo Deza no marco da campaña “Somos historias”

Un grupo de bloggers coñecerán os principais recursos do Deza enmarcados na campaña de promoción turística que este ano está a desenvolver a institución provincial con motivo do Ano Cultural do Patrimonio Europeo
Por o 19/02/2018 | Sección: Deputación de Pontevedra
A Deputación organiza mañá un blogtrip polo Deza no marco da campaña “Somos historias”

No marco da campaña “Somos historias”, a Deputación de Pontevedra organiza mañá, domingo 18 de febreiro ao longo de todo o día, un blogtrip polo Deza. As e os bloggers que participarán no encontro de mañá coñecerán o Mosteiro de San Salvador de Camanzo, visitarán as adegas Castro Brey, degustarían cocido con motivo do mes que lle rende homenaxe a este prato, visualizarán os Xenerais da Ulla no campo da festa de Vila de Cruces, percorrerán a Fraga de Catasós e coñecerán o Pazo de Liñares.

A Deputación de Pontevedra promove este blogtrip no marco da súa campaña de promoción turística “Somos historias”, posta en marcha neste 2018, Ano Cultural do Patrimonio Europeo. A acción, centrada na promoción do destino a través das redes sociais, ten por obxectivo poñer en valor os recursos existentes no interior da provincia, impulsar unha imaxe de provincia vencellada ao turismo sustentable e desestacionalizar a demanda.

Máis polo miúdo, a través deste blogtrip, as persoas participantes poderán coñecer o patrimonio natural, gastronómico, enoturístico e cultural da comarca do Deza. Así, descubrirán dous dos grandes atractivos da provincia de Pontevedra durante o mes de febreiro como son a Feira do Cocido de Lalín, que este ano celebra as súas vodas de ouro, e os Xenerais da Ulla, con máis dun século de historia; ambos representantes do patrimonio inmaterial da provincia de Pontevedra.

Amais, o grupo terá a oportunidade de pasear pola Fraga de Catasós, monumento natural, ou descubrir as Adegas Castro Brey, en pleno sistema fluvial Ulla-Deza, Rede Natura 2000. Deste xeito, descubrirán o rico patrimonio natural da comarca do Deza, que conta cunha extensa Rede Natura.

En canto ao patrimonio histórico cultural, os recursos protagonistas deste blogtrip serán o Mosteiro de San Salvador de Camanzo e o Pazo de Liñares, onde as e os bloggers afondarán na longa e rica historia da comarca do Deza e da provincia de Pontevedra.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.