A Deputación de Pontevedra recibiu preto de 100 traballos e iniciativas para optar aos primeiros “Premios Provinciais á Xuventude”

A convocatoria conta con sete categorías, cada unha delas con 3.000 € entre primeiros, segundos e terceiros premios e serán fallados no último trimestre do ano.
Publicado por o día 23/08/2017 na sección de Deputación de Pontevedra,Galicia,Pontevedra

A Deputación de Pontevedra recibiu preto de 100 traballos e iniciativas para optar aos primeiros “Premios Provinciais á Xuventude”

A Deputación de Pontevedra recibiu este ano, ao abeiro da primeira convocatoria dos “Premios Provinciais á Xuventude“, preto de 100 traballos dos mozos e mozas da provincia de entre 16 e 35 anos que poderán optar a un total de 21.000 € distribuídos entre primeiros, segundos e terceiros premios das sete categorías coas que contan os galardóns.

Deste xeito, recibíronse un total de 29 propostas para fotografía, outros 24 traballos literarios breves ou 15 gravacións musicais. Tamén participaron 12 propostas na categoría de blogs, outras 6 na de iniciativa empresarial, 3 proxectos de educación en valores e, finalmente, 2 proxectos de iniciativa social.

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar, ademais, o proceso de selección do xurado que outorgará os premios valorados en 21.000 €. Nas categorías de traballo literario breve, traballo musical, fotografía e blogs haberá un primeiro premio de 1.500 €, un segundo de 1.000 € e un terceiro de 500 €. Para as iniciativas sociais e empresariais e para os traballos de educación en valores establecéronse primeiros premios de 2.000 € e segundos premios de 1.000 €. A selección dos traballos gañadores coñecerase durante o último trimestre do ano.