A Deputación realizará unha obra de 680.000 euros para mellorar a rúa da Gándara en Salceda de Caselas

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe co alcalde Marcos Besada para ultimar os detalles do proxecto
Publicado por o día 16/02/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A Deputación realizará unha obra de 680.000 euros para mellorar a rúa da Gándara en Salceda de Caselas

A Deputación de Pontevedra vai mellorar e urbanizar parte do treito urbano da estrada provincial EP-2505, máis coñecida como rúa da Gándara, no concello de Salceda de Caselas. Segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, a actuación consiste na remodelación dun ámbito de 350 metros onde se reúnen moitos equipamentos públicos do concello, creando novas beirarrúas e espazos de aparcamento, así como unha nova glorieta de distribución do tráfico, cun orzamento de preto de 680.000 euros.

Segundo explicou Benítez, o obxectivo da obra é habilitar espazos seguros para os peóns, seguindo os criterios da Estratexia de Mobilidade 3.0 da nova Deputación de Pontevedra, que propón o deseño dos espazos urbanos tendo as persoas como referente principal en lugar dos coches, e o aumento da seguranza viaria.

Actualmente, a rúa da Gándara carece de ordenación e apenas ten beirarrúas máis que nun pequeño treito, obrigando aos peóns a circular polo borde da estrada. Algo similar ocorre co aparcamento, posto que os vehículos aparcan de xeito aleatorio, o que incluso resulta preigoso para a circulación rodada. Así mesmo, os pavimentos están deteriorados, o que xustificou a necesidade da intervención por parte do departamento de Mobilidade dirixido por Benítez.

O deputado nacionalista explicou que o novo deseño para a rúa da Gándara inclúe unha zona de coexistencia a nivel entre calzada e beirarrúas a nivel, á altura da piscina municipal e o parque da Gándara, onde se pretende dar prioridade ao tráfico peonil. Despois, ata o paso inferior baixo a PO-510, a sección incluirá unha calzada de 6,5 metros, aparcamentos e beirarrúas en ambas marxes. Finalmente, dende o paso inferior haberá percorridos peonís de mínimo de 1,8 metros nos lugares máis estreitos (a ponte sobre o río Landres) e ata 2,5 metros alí onde a sección o permite. Ademais, o proxecto inclúe a reordenación da intersección entre a rúa Gándara e a avenida de Galicia coa construción dunha glorieta e mellorando o espazo público ao seu arredor, onde se utilizará unha pavimentación en lousa granito gris -similar á utilizada na recente remodelación coa rúa de Vigo, a escasos cen metros-.

Para aumentar a seguranza viaria, os pasos de peóns serán sobreelevados e funcionarán como redutores físicos de velocidade, tendo unha sección transversal trapezoidal e unha altura sobre rasante de dez centímetros. Por outra parte, tamén se aproveitará para soterrar as liñas de enerxía eléctrica e telefonía e datos, instalarase nova iluminación, e ademais deixaranse colocados os colectores de pluviais na previsión de que se desenvolva o proxecto de urbanización do PERI da UE-02. Tamén se renovará a capa de rodadura, que se completará con nova sinalización horizontal e vertical, e plantaranse liquidámbares nos alcorques da rúa Gándara e vexetación arbustiva nos parterres da glorieta.

Segundo indicou Uxío Benítez, esta actuación contempla todos os criterios provinciais de “potenciar os espazos públicos para o disfrute da cidadanía coa máxima calidade urbana”.  A realización da obra por parte da Deputación suporá a posterior transferencia ao concello, xa que se trata dun treito da estrada provincial dentro do propio núcleo de Salceda de Caselas, coñecido tradicionalmente como A Esfarrapada. “É un espazo no que hai moitos equipamentos e, polo tanto, moi usado pola veciñanza. O seu estado non era o máis axeitado en canto a seguranza viaria, polo que era precisa unha remodelación, ademais de mellorar as conexión cara ao concello de Tui coa nova glorieta”, explicou o nacionalista.

Benítez tamén anunciou ao alcalde que no día de hoxe se aprobou en Xunta de Goberno o convenio para o financiamento da obra, que ascende a 679.516,07 e que se distribuirán entre o 70% con cargo á Deputación e o 30% ao Concello. O acordó entre ambas administración asinarase nas vindeiras semanas.

Pola súa parte, o alcalde de Salceda, Marcos Besada, destacou que coa mellora da rúa da Gándara “cúmprese un soño”, posto que fora unha actuación históricamente demanda polo goberno local e a veciñanza e nunca atendida polo anterior presidente provincial, Rafael Louzán. Besada subliñou que o espazo a mellorar é fundamental para Salceda de Caselas pola conexión dos espazos públicos existentes, a piscina, o parque, o campo de fútbol e a senda sobre o río Landres, e porque ademais conecta o acceso Sur da vila coa PO-510 e a estrada provincial que vai a Caldelas de Tui. “Ademais de todo iso, podemos dicir que é o treito do viario provincial en Salceda de Caselas máis perigoso e de concentración de accidentes dos últimos anos, polo que agradezo á Deputación e ao deputado Uxío Benítez que atendera as nosas reclamacións”. “Era a obra máis necesaria para a mobilidade e a seguranza viaria en Salceda de Caselas”, finalizou.