A Deputación recibe 119 obras a concurso para o Certame de Novos Valores 2016

O deputado de Cultura Xosé Leal salienta “a boa acollida” da recuperación das bolsas de estudo como galardón para os autores noveis
Por o 20/07/2016 | Sección: Cultura,Deputación de Pontevedra,Vigo
A Deputación recibe 119 obras a concurso para o Certame de Novos Valores 2016

O xurado, que comezou hoxe as súas deliberacións, debe realizar unha primeira escolma dunhas 40 pezas e escoller aos catro gañadores.

A Deputación de Pontevedra vén de recibir 119 obras para participar no certame de Novos Valores 2016. O xurado, que comezou hoxe as súas deliberacións, debe realizar unha primeira escolma dunhas 40 pezas que formarán parte da exposición e, entre elas, escoller aos catro gañadores, que recibirán bolsas por importe de 7.500 euros cada unha para ampliar os seus estudos artísticos. Os artistas seleccionados daranse a coñecer o vindeiro sábado.

Segundo indicou o deputado de Cultura e Lingua, esta edición de Novos Valores tivo unha “moi boa acollida” de participantes. De feito, o número de obras a concurso incrementouse con respecto a 2015, cando se presentaran 104 pezas. Segundo Leal, un dos motivos deste aumento está na recuperación da fórmula de apoio mediante unha bolsa de estudos similar á dos antigos pensionados -que xa se aplicara a partir de 1925 para promover as viaxes de estudos artísticos por parte do Museo de Pontevedra da man de Castelao-. Este ano, fronte aos 14.000 euros en metálico concedidos en 2015, as contía das bolsas ascenden a 7.500 euros cada unha (30.000 euros en total).

"Entendemos que a concesión de axudas de patrocinio a creadores noveis é unha fórmula historicamente ben acollida e a resposta que tivemos por parte dos novos autores así o acredita. Os Novos Valores que se presentaron ao certame son artistas que están a medrar creativamente e agardamos que este premio sexa un trampolín que lles sirva de axuda", asegurou o responsable provincial de Cultura.

O xurado -formado polo deputado, así como pola vicedecana da Facultade de Belas Artes, Marina Susana Cendán; a galerista María Díaz Rey; os artistas Pedro Solveira Collazo e Francisco Pazos Martínez; o director do Museo, Carlos Valle; a técnico provincial de Xestión Cultural María del Carmen Baloira; e o xefe do Servizo de Cultura e Lingua, Antonio Santos, como secretario- comezou as súas deliberacións na mañá de hoxe. Todos os seus integrantes realizaron unha primeira visualización das obras das  diferentes disciplinas: pintura (34 pezas); escultura (31); fotografía (23); gravado (5); debuxo (12); deseño (2); vídeo (9) e varios (3). Está previsto que no día de mañá se realice a proposta dunhas 40 pezas para participar na mostra Novos Valores 2016. A selección definitiva das obras gañadoras debe realizarse o venres, se ben darase a coñecer o vindeiro sábado logo da redacción da acta definitiva.

Os traballos seleccionados exporanse ao público nas salas de exposicións temporais da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de conservación e Restauración de Bens Culturais entre o 4 de agosto e o 11 de setembro. Así mesmo, non se descarta a exhibición itinerante das pezas noutros lugares da provincia, xunto coa reprodución na páxina web do Museo de Pontevedra ou nun catálogo impreso como complemento da exposición.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, lembra que a concesión das catro bolsas será obxecto dun convenio entre os adxudicatarios e a Deputación, no que se concretará o seu emprego e o prazo, que non será superior a un ano. Nese tempo, os bolseiros deberán entregar unha memoria xustificativa do traballo e do investimento realizados e tamén unha obra orixinal e asinada. Como recoñecemento ao traballo, a institución provincial comprométese como culminación do certame a programar nas instalacións do Museo unha exposición con obras das catro persoas premiadas.