A deputación respalda a iniciativa lexislativa popular para a defensa do bosque autóctono e a loita contra lumes impulsada pola alianza por un rural galego vivo

O vicepresidente Mosquera explicou que a institución provincial e os colectivos promotores “temos plena coincidencia na diagnose do problema que sofre o noso monte e das vías de solución a tomar”
Publicado por o día 05/03/2018 na sección de Deputación de Pontevedra

A deputación respalda a iniciativa lexislativa popular para a defensa do bosque autóctono e a loita contra lumes impulsada pola alianza por un rural galego vivo

A Deputación de Pontevedra vai respaldar a iniciativa lexislativa popular (ILP) para a defensa do bosque autóctono e a loita contra os incendios impulsada polo colectivo Alianza por un rural Galego Vivo, formada por Adega, CIG, a Federación Rural Galega, a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM) e Cousas de raíces. O vicepresidente César Mosquera asegurou hoxe nun encontro con representantes desta plataforma que hai plena coincidencia “na diagnose do problema que sofre o noso territorio” e das vías de solución a tomar para recuperar o monte, polo que a institución provincial apoiará a ILP a través dunha moción no Pleno do vindeiro 6 de abril, onde tamén intervirá un membro da Alianza.

“No programa de goberno da Deputación xa deixamos claro que entendemos que o maior problema ambiental da provincia é o mal estado no que temos o territorio, o noso monte, o que ten uns efectos perversos elevados e clamorosos, que foron moi evidentes coa última vaga de incendios”, explicou Mosquera, quen apostou por actuar “cada un no seu ámbito” para reverter a situación e camiñar máis alá do horizonte temporal actual.

Mosquera indicou que a situación de desleixo do monte vai ir a peor se non se poñen medidas por parte de quen ten as competencias, “e a Xunta non as está a tomar”, destacou, para explicar que a Deputación de Pontevedra é a única administración local que está a conceder axudas para a creación de parques forestais e, a un tempo, ten un convenio que xa está en marcha coa Universidade de Vigo para que persoal experto internacional “enfoque cales son as solucións e directrices a seguir”. “É un traballo a longo prazo para polo menos deixar un horizonte mellor ás xeracións futuras, xa que imos deixar o monte nunha situación moito peor do que o recibimos e iso é grave, por iso todos os esforzos que se fagan son necesarios. Todo é pouco”, finalizou.

Pola súa parte, un dos representantes da Alianza por un Rural Galego Vivo, Xosé Alfredo Pereira, manifestou que o documento da ILP é un texto consensuado entre diferentes sensibilidades que

engloba medidas eficaces para ordenar e xestionar as potencialidades do monte, facendo aos propietarios das terras os protagonistas das actuacións e atacando a situación actual de xeito estrutural.

Ademais destas medidas para a xestión do monte, os impulsores da ILP tamén buscan a defensa do monte común, xa que na revisión en marcha do Plan Forestal prevista dende a Xunta de Galicia “preténdese a incautación do monte en man común”. “A Consellería vai ser xuíz e parte ao declarar en abandono o monte e outorgalo á xestión privada durante 50 anos”, explicou Pereira.

O voceiro da ORGACCMM indicou, así mesmo, que o novo Plan Forestal -contra o que se presenta a ILP- dá unha moratoria para o eucalipto, engadindo ata 60.000 hectáreas máis- e permite os cultivos enerxéticos en todo o monte galego, abrindo as portas a cultivos de crecemento rápido. “Ante isto plantexamos que se substitúa o eucalipto por madeiras de calidade en zonas agrarias e na Rede Natura, ademais de prohibir os cultivos enerxéticos, para o que tamén estamos a recoller firmas entre toda a sociedade, porque isto é algo para o país”, finalizou.

No encontro da Alianza por un rural galego vivo co vicepresidente Mosquera tamén estivo presente o deputado Santos Héctor por parte da institución provincial, e Claudio Quintillán por parte da Organización Galega de Montes Veciñais, Antonio Costa por parte de Irmandade Illa de Tambo, Antón Masa pola Asociación pola Defensa da Ría, Juan Manuel Loureiro pola Federación Castelao, Gonzalo Sancho por Vaipolorío, Manuel Dacal Vázquez e Xan Bautista Cambón pola Federación Rural Galega (FRUGA), Xosé Alfredo Pereira por ORGACCMM e Xavier Aboi pola CIG.