A deputada Alexandra Fernández pide a Tejerina que faga cumprir a lei de costas e se abra a Illa de Toralla ao acceso público

A deputada Alexandra Fernández critica a deixación das Administracións e o feito de que a Illa de Toralla se “convertise nunha reserva privada cando a Lei de Costas establece que calquera persoa pode chegar até a ribeira do mar a pe?”
Publicado por o día 27/02/2018 na sección de En Marea,Política,Vigo

A deputada Alexandra Fernández pide a Tejerina que faga cumprir a lei de costas e se abra a Illa de Toralla ao acceso público

A deputada de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, diríxese á Ministra de Medio Ambiente, Isabel García Tejerina, para demandarlle que faga cumprir a Lei de Costas e se abra a Illa de Toralla ao acceso público.

Un dominio público convertido “nun coto privado”

Critica a parlamentar de En Marea que a Illa de Toralla se teña “convertido nun coto privado, con barreiras e vixiantes que impiden o paso de vehículos e peóns ao interior. A decisión parte dos propietarios que residen na illa pero que non se axusta á legalidade vixente”. Alexandra Fernández afirma que é hora de rematar coa especulación urbanística que se produciu na illa nos anos 60 en base a intereses empresariais. “Foi un exemplo de cultura do pelotazo. Mais non se pode permitir que se peche o acceso público cando a Lei de  Costas contempla 6 metros de paso público no perímetro de costa e o carácter público de calquer vial interior da illa”.

Alexandra Fernández pón de manifesto que a situación ven de lonxe e non se pode alongar mais no tempo. “Trátase dun espazo público en dominio público marítimo terrestre pero que na práctica emprégase como unha reserva privada de xeito ilegal. Non é de recibo que un dominio público se teña convertido nun coto privado”.

Razón pola que formula unha batería de preguntas a Tejerina para urxila a que adopte medias e faga cumprir a lei. “Como é posíbel que se peche ao paso dos viandantes cando a norma establece que calquer persoa pode chegar até a ribeira do mar a pe? Como se explica o reiterado incumprimento da lei? Non deberían ser públicos os viais da illa conforme ao estipulado na Lei de Costas? A que se debe a inación do Ministerio? Vai ordenar que se retire a barreira e a prohibición de paso?”. 

A deputada de En Marea advirte ao Ministerio que a situación chegou a tal punto que “incluso as visitas ou os pedidos a domicilio deben ser notificados con anterioridade ao conserxe para que permita o paso. Hai unha cámara xunto á caseta que le as matrículas dos automóviles rexistrados”.