O deputado de Mobilidade explica que se calmará o tráfico rodado con ‘lombos’, mellorarase a iluminación e dotarase de saneamento ao centro educativo

Traballarase co obxectivo de que a obra estea finalizada antes do inicio do vindeiro curso escolar
Publicado por o día 14/12/2017 na sección de Deputación de Pontevedra

O deputado de Mobilidade explica que se calmará o tráfico rodado con ‘lombos’, mellorarase a iluminación e dotarase de saneamento ao centro educativo

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, confirmou hoxe que a Deputación realizará a obra de construción dun acceso peonil ao novo instituto de Soutomaior no treito que coincide coa estrada provincial EP-2908. O nacionalista, de feito, entregou ao Concello o proxecto definitivo de execución da obra e un borrador do convenio que deberán asinar a Deputación e o Concello para afrontar os custes: este recolle que a institución provincial abonará o 70% e o goberno local o 30% dun orzamento total de 176.191,46 euros.

Segundo explicou o deputado, a actuación impulsada polo departamento de Mobilidade consistirá na construción dunha nova  senda peonil de 2,5 metros de largo na marxe dereita que conectará a última beirarrúa existente co novo instituto de Soutomaior. Tamén se instalarán elementos de calmado do tráfico na estrada – pasos de peóns sobreelevados-, mellorarase a iluminación con novos báculos ao longo dos 220 metros de percorrido, e instalarase unha nova tubaxe de saneamento para dar servizo ao centro educativo.

Benítez lembrou que esta obra foi unha das necesidades que plantexou o alcalde hai un ano nun encontro para tratar as melloras das vías provinciais no municipio. Subliñou que “vai conlevar a xeración dun paso para persoas para que o alumnado poida ir camiñando cara ao instituto en condicións de seguridade, unha cuestión prioritaria para a Deputación”. Tamén destacou que se cubre unha necesidade que tiña o concello, a creación dun bombeo do saneamento para o centro escolar cara ao sistema xeral que hai no núcleo urbano en Arcade.

A día de hoxe xa está solicitada a autorización de Augas de Galicia, que se prevé dará o visto bo á actuación de xeito inminente. Tamén están a disposición as cesións de terreos necesarios para realizar a actuación. A partir de agora o Concello deberá aprobar o convenio en Pleno e a Deputación en Xunta de Goberno para despois asinalo e poder sacar a licitación a obra. “Calcúlolle que no primeiro trimestre do ano próximo poderemos ter a obra en licitación para adxudicala antes do verán, iniciar as obras, e así poñer a disposición a obra e acompasala á previsión que hai de apertura do instituto en setembro”, explicou Benítez.

O convenio entre a Deputación e o Concello incluirá tamén a formalización da transferencia dun treito da estrada provincial (entre o punto quilométrico 0+000 e 0+500), a rúa Rosalía de Castro de Arcade, que pasará a ser de titularidade municipal de xeito definitivo, aínda que agora o Concello xa estaba facéndose cargo do mantemento ao tratarse dunha vía de tipoloxía totalmente urbana.

Pola súa parte o alcalde Agustín Reguera agradeceu a actuación á Deputación e sinalou que “estamos a dar cumprimento a unha reivindicación que era dotar ao instituto dos servicios básicos como o saneamento e o acceso peonil. Creo que é unha boa nova para o noso concello, para os veciños e que os rapaces e rapazas poidan iniciar o próximo curso no instituto. Agardamos que se cumpran os prazos que é o máis importante”, dixo.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez estivo acompañado na súa visita a Soutomaior do xefe do servizo provincial de Mobilidade, Francisco Alonso. Por parte do concello acudiron ao lugar da obra o alcalde, varios concelleiros do grupo de goberno así como o voceiro do BNG.