O Deputado provincial Xosé Lois Jácome visita Cuntis da man de Veciñanza no marco dunha xornada de traballo interinstitucional

Publicado por o día 29/06/2017 na sección de Galicia,Marea Vigo,Política

O Deputado provincial Xosé Lois Jácome visita Cuntis da man de Veciñanza no marco dunha xornada de traballo interinstitucional

O deputado provincial, Xosé Lois Jácome, atópase nos últimos meses visitando diferentes comarcas e localidades para recoller as demandas de cada zona e levalas á Deputación de Pontevedra. Nestes termos, Jácome acudiu na tarde de onte a Cuntis, para coñecer a realidade da vila e as demandas históricas que se veñen reclamando dende hai xa moitos anos.

Unha das principais carencias que atopamos en Cuntis nesta xornada de traballo é o pouco desenvolvemento turístico que ten a vila, froito de escasos fondos asignados a esta área e á carencia de modelo de explotación turística. Veciñanza conta actualmente cun plan turístico alternativo para o que se debe reclamar partida orzamentaria e poder levalo a cabo; pois Cuntis conta coas características axeitadas para realizar un turismo sostible, cultural e de calidade: espazos naturais, sendeirismo, festas tradicionais, atractivos termais e histórico-artísticos da man dos xacementos como Castrolandín e outros conxuntos de petróglifos.

Por outra banda, a principal demanda histórica da vila vén dada polo reclamo da regulación do polígono industrial; as empresas sitas nesta zona non están sobre chan industrial, o que provoca numerosas multas que non axudan ao desenvolvemento socioeconómico da vila; a cal conta cun despoboamento que urxe reverter para aumentar os habitantes do pobo.

Nestes termos, o deputado provincial, Xosé Lois Jácome, comprometeuse a seguir ao día as posibles solucións que pode ter dito polígono industrial, sabendo que é unha loita e un proxecto a longo prazo. Nesta xornada interinstitucional tanto Veciñanza como Jácome, da Coalición Son, sentaron as bases para comezar a pelexar polo proxecto do polígono industrial e poñelo sobre a mesa da axenda da actualidade, marcando diferentes pasos que se darán a coñecer nas vindeiras semanas. O deputado provincial abre a porta a levar dito proxecto á Deputación, isto sumarase ó traballo local de Veciñanza no Concello de Cuntis.