Dereitos para facer fronte á crise do coronavirus

Publicado por o día 24/03/2020 na sección de Social,Coronavirus,ODS Coia

Dereitos para facer fronte á crise do coronavirus

A Oficina Dereitos Sociais Coia (ODS-Coia) quere informar a través do seguinte comunicado, os dereitos ante á crise sanitaria polo coronavirus:

Medra a curva de contaxios do coronavirus e con ela tamén aumentan as nosas dificultades para cubrir necesidade básicas. Por iso precisamos máis que nunca políticas sociais, as cales foron recortadas e entregadas ao mercado, que garantan unha vida digna para todas. En tempos de dificultades crecentes as que iniciamos o confinamento cunha RISGA, cun emprego precario ou cunha pensión mínima como únicos ingresos ollamos con preocupación o noso futuro.

Alén do apoio mutuo queremos lembrar que é moi necesario coñecer e esixir os nosos dereitos diante das administracións. No caso das políticas sociais Xunta e Concello son os responsables na materia, polo que teñen que ofrecer respostas axeitadas a este intre. En Vigo, o concello leva días de traballo para que os servizos sociais municipais poidan ofrecer respostas a situación provocada pola crise do coronavirus. Da Xunta de Galicia non temos información de que vai facer con trámites tan necesarios para moitas compañeiras coma a RISGA, as axudas de inclusión social ou as axudas en materia de vivenda.

Mentres non chegan medidas da Xunta ou do goberno central animamos a todas aquelas persoas que están a ter problemas para cubrir mínimos vitais que contacten cos servizos sociais do Concello de Vigo. Por iso se malvives na rúa ou nun choupano, se non eres quen de conseguir os alimentos necesarios ou non podes pagar o o alugueiro busca solucións nos servizos públicos.

En Vigo as Unidades de Traballo Social están pechadas polo que as consultas temos que facelas de dúas formas:

– Teléfono: chamando ao 010 (ou no 986 81 01 00)

– Email: enviando un correo electrónico a ofi.central@vigo.org

Tanto no teléfono coma no email temos que, logo de dar os nosos datos, explicar a situación de falta/insuficiencia de recursos e agardar pola resposta do departamento de políticas sociais. Non te amoles se tardan en coller o teléfono ou en dar unha resposta no email. Se non tes saldo ou internet na casa ou no móbil pide axuda a unha veciña para poder contactar co concello.

En tempos de crise coñezamos e loitemos en común polo dereito a unha vida digna para todas!